Dobre derrota e situación complicada para o Pontevedra Mareantes
Por Redacción
Era unha papeleta complicada a que debía afrontar o primeiro equipo do Pontevedra Mareantes, que visitaba a un dos candidatos ao título autonómico, Os Ingleses.
O equipo pontevedrés presentou unha aliñación similar á da primeira volta, onde protagonizaron un gran encontro, pero con menos cambios. Con todo o encontro nada tivo que ver e os de Vilagarcía dominaron de principio a fin sen dar opcións.
Ata cinco ensaios anotaron Os Ingleses na primeira metade, mentres o Pontevedra Mareantes só o lograba nunha ocasión antes do descanso (31-5). Duro castigo que continuou na segunda metade a pesar de subir a intensidade os pontevedreses, xa que o esforzo físico pasoulles factura e chegaron máis anotacións ata o definitivo 57 a 12.
Con esta derrota o equipo pontevedrés segue nunha situación complicada na clasificación da Primeira División Galega, ao ser penúltimo con 8 puntos.
DERROTA DO SEGUNDO EQUIPO EN VIGO
Tamén perdeu o equipo do Pontevedra Mareantes na Segunda Divisón Galega na súa visita ao ao filial do Universidade de Vigo (53-5), cunha aliñación limitada pola falta de xogadores. Desta forma quedan na quinta praza con 20 puntos.