As categorías inferiores da Gimnástica, protagonistas no Memorial Belarmino Alonso
Por Redacción
San Andrés de Comesaña, en Vigo, acolleu a 39 edición do Memorial Belarmino Alonso de campo a través organizado polo Comesaña Sporting Club, cunha importante participación de atletas da Sociedad Gimnástica.
As categorías inferiores do club pontevedrés raiaron a gran nivel, con vitorias nas categorías sub-18 feminina e sub-16 masculina.
Paula de la Torre foi a vencedora en idade sub-18 ao completar os 3.460 metros de percorrido en 14 minutos e 16 segundos, superando a Natalia Castro (San Miguel de Marín) e a Blanca Armenteros, compañeira na Gimnástica, mentres que Paola de Montis foi sétima e Adela Ardao undécima para redondear un segundo posto por equipos.
Pola súa banda na categoría sub-16 masculina Hugo García confirmou o seu bo momento e despois de vencer na San Martiño de Ourense impúxose tamén no Belarmino Alonso cun tempo de 11 minutos e 43 segundos. Acompañáronlle no podio Gabriel Canedo (Val Miñor) e Hugo Suárez (Celta).
Completaron a representación da Gimnástica Nicolás Fontes e Alberto Pérez en idade sub-18, sendo undécimo e duodécimo respectivamente, e Paula Domínguez, Antía Carrasco e Sofía García en sub-16, acabando nos postos 4, 14 e 17.