O campionato zonal escolar de cros aterra un ano máis na Illa das Esculturas
Por Diego Espiño
É xa un clásico dentro da programación deportiva local, convertendo a Illa das Esculturas nunha gran pista de atletismo ao aire libre nunha xornada con ambiente festivo.
Trátase do Campionato Zonal de Cros Escolar, que o vindeiro mércores 29 de novembro reunirá a 757 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.
Desde as 10:30 horas da mañá e ata as 12:00 horas sucederanse as diferentes carreiras, con distancias que oscilarán entre os 600 e os 2.000 metros en función da idade.
O campionato céntrase en "unha labor de promoción, que creo que é o máis importante", sinalou o responsable provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.
Na presentación da xornada partiparon tamén a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, e José Manuel Pereira como responsable da organización.
Os centros educativos participantes serán: CEIP Xunqueira I, CEIP Xunqueira II, CEIP Froebel, CEIP Parada Campañó, CEIP Príncipe Felipe, CPR Sagrado Corazón de Pontevedra, CPR Sagrado Corazón de Praceres, CPR San José e IES Valle Inclán.