O Estadio de San Pedro acollerá a edición máis especial do Torneo Tucho de la Torre
Por Redacción
A terceira edición do Torneo Internacional Tucho de la Torre de fútbol-8 benxamín e alevín contará cun cartel de luxo para homenaxear á figura do ex-xogador marinense, recentemente falecido.
A Escola de Fútbol Vila de Marín ultima os detalles dunha competición que se desenvolverá como de costume durante a ponte da Constitución no Estadio Municipal de San Pedro.
Disputarase en dúas fases, a primeira o mércores 6 de decembro, de onde sairá o campión de cada categoría que obterá o billete para poder xogar a fase final do venres 8 de decembro. Nesta rolda clasificatoria participarán Alondras, Ribadumia, Marcón Atlético, E.D. Arousa, Portero 2000, Santa Mariña, Marín C.F., Arosa, Domaio e a E.F Vila de Marín B.
Pola súa banda na fase final estarán representadas canteiras de gran prestixio no fútbol nacional. Estes equipos, ademais da anfitrión Vila de Marín serán: Celta de Vigo, F.C. Porto, Deportivo da Coruña, Lugo, Real Valladolid, Pabellón de Ourense e Real Zaragoza.