Javi Gómez Noya, a polo millón da Tripla Coroa
Por Diego Espiño
A tempada de Javier Gómez Noya alongouse máis do previsto, pero fíxoo por un motivo máis que comprensible, facerse co maior premio en metálico do tríatlon mundial.
O triatleta galego está a só unha carreira de seguir os pasos de Daniela Ryf en 2015 e converterse no segundo deportista que logra a Tripla Coroa, o que lle faría gañar un millón de dólares.
Esa proba é o Ironman 70.3 de Barhein, que se disputará o vindeiro sábado 25 de novembro e ao que chega como principal favorito dado o seu espectacular rendemento esta campaña na media distancia.
Gómez Noya preparouse a conciencia para a proba, na que afrontará 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo sen drafting e 21,1 quilómetros de carreira a pé.
Segundo apunta a lista de inscritos, dous son os homes que a priori se presentan como os seus principais rivais, o neozelandés Bozzone e o noruegués Kristian Blummenfelt, medalla de bronce esta tempada nas Series Mundiais ITU.
A Tripla Coroa é un premio proposto Sheikh Nasser, príncipe de Barhein e gran afeccionado ao tríatlon, e que se outorga ao vencedor no mesmo ano do Ironman 70.3 de Dubai, que Gómez Noya venceu en xaneiro, o campionato do Mundo da especialidade, celebrado esta vez en setembro en Chattanooga, e o Ironman 70.3 de Barhein.
A carreira na que Javier Gómez Noya xogarase o millón de doláres arrincará ás 3:20 horas da madrugada do sábado en España.
Relacionadas:
-
Gómez Noya, cuarto en Barhein, queda sen o millón de dólares
Por Diego Espiño |
-
400 deportistas participan no tríatlon homenaxe a Gómez Noya
Por Diego Torrado |
-
Gómez Noya pasa ao Ironman: "Quizais o ano que vén poida ser un bo ano para tentar Hawaii"
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, berce de medallistas mundiais
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Prata mundial para Gómez Noya tras unha vibrante Gran Final en Róterdan
Por Diego Espiño |