O Marcón confirma a súa melloría vencendo no Grove e o Sanxenxo recupera a dinámica positiva
Por Redacción
Non perdera ningún atopo na casa o Unión Grove na presente tempada, e o Marcón Atlético rompeu esa xeira negativa (1-2) confirmando a súa dinámica ascendente na liga de Preferente.
O equipo pontevedrés colleu o ritmo á competición conseguindo no Grove o seu segundo triunfo consecutivo, o terceiro en catro xornadas, e abandonar os postos de descenso.
Fixérono ademais nun choque no que atopou premio á súa intensidade e boa actitude. Os de Borja Burgos saltaron ao Monte da Vila dispostos a dominar e conseguírono polo menos durante a primeira media hora, na que atoparon premio nun corner que sacou Sapi para que Jesús anotase o 0-1 aos 9 minutos.
Saíu mais centrado o cadro local tras o descanso, co Marcón esperando a súa opción á contra. Non creaban con todo moito perigo ata que nun novo saque de esquina o equipo meco igualaba por medio Pablo. Era o minuto 55 de xogo e só 7 despois os visitantes lanzaron unha rápida contra que Sapi culminou no 1-2.
O Grove buscou ata o final o empate sen acerto, co Marcón creando tamén perigo á contra pero sen chegar a sentenciar. Ao final o 1-2 fai aos pontevedreses ascender á décimo sexta praza con 14 puntos, mentres que o Unión Grove é sétimo con 25 puntos.
Consulta a acta do Unión Grove-Marcón Atlético.
Despois de tres xornadas sen gañar o Xuventú Sanxenxo retomou a dinámica positiva cunha goleada a domicilio ante o Erizana (1-4).
Foi un partido dominado de principio a fin polos amarelos e decidido pola actuación dun dos seus futbolistas, Hugo, autor dun hat-trick con dous tantos na primeira metade e outro ao comezo do segundo acto. Javi Nogueira chegou a poñer o 0-4 antes de que Borja nos últimos minutos fixese o gol da honra para os locais.
Coa vitoria o Sanxenxo mantense na terceira posición con 28 puntos.
Consulta a acta do Erizana-Xuventú Sanxenxo.
O Campo Lameiro aguantou 40 minutos ao líder, o Estradense, que terminou vencendo con claridade na Chanciña (0-2).
Jorge Casal adiantou aos visitantes ao fío do descanso, e cando o Campo Lameiro buscaba a igualada o cadro visitante golpeaba de novo no minuto 58 facendo inútil o seu esforzo. Ata o final o Estradense mostrou a súa solvencia para asegurar o resultado,
A mala serie dos verdes fai que quede situado na décimo terceira posición con 15 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Estradense.
Tres xornadas sen gañar acumula o Beluso, que tivo as súas opcións no campo do Ribeiro pero terminou cedendo nun duelo de alternativas (3-2).
Os de Bueu adiantáronse no marcador á media hora de xogo cun gol de Reiriz, pero os locais igualaron antes do descanso e golpearon de novo no primeiro minuto do segundo acto. Repúxose ao mazazo o Beluso e Soage empatou no ecuador do segundo tempo. O partido podía decantarse para calquera dos dous bandos e fíxoo finalmente para o do Ribeiro co 3-2 no minuto 75 de xogo.
Con este resultado o Beluso queda na décima posición con 18 puntos.
Consulta a acta do Ribeiro-Beluso.