Dolorosa derrota para o Leis Pontevedra en Narón
Por Redacción
Perdeu unha opción o Leis Pontevedra de sumar puntos que lle afasten da zona baixa da clasificación da Segunda División B de fútbol sala, despois de caer nun axustado encontro na pista do Cidade de Narón (2-1).
Foi un partido de dúas caras. Na primeira metade o equipo local foi o dominador do choque, con ocasións claras aproveitando certos desaxustes defensivos nos de Manu Cossío.
Así se chegou ao intermedio cun 2-0 para o Cidade de Narón que podía ser máis amplo. Pero no segundo acto todo cambiou.
Os pontevedreses fixéronse co dominio do xogo e empezaron a poñer en apertos aos locais, que non chegaban con perigo. Recortou distancias o Leis e contou con ocasións para salvar polo menos un punto, pero non acabou de materializalas nin cando nos minutos finais apostou por sacar o porteiro-xogador.
Tras este resultado o Leis Pontevedra, que a próxima xornada recibirá a un rival directo por evitar o descenso como é O Esteo, queda situado na undécima praza con 7 puntos.