Triunfo vital do Marcón ante o Campo Lameiro, vitoria do Grove e empates de Sanxenxo e Beluso
Por Redacción
Un solitario gol de Gelillo decidiu o duelo de recentemente ascendidos entre Marcón Atlético e Campo Lameiro disputado no campo do Carrasco (1-0).
O equipo local, nun choque tremendamente igualado, conseguiu adiantarse aos 21 minutos cun gran tanto, e despois conservaron con acerto un resultado que lles permite coller impulso na clasificación.
Puido empatar o Campo Lameiro, pero os de Borja Burgos defenderon a súa vantaxe con uñas e dentes para quedar con tres puntos que lles fan rozar a zona de permanencia en Preferente, ao ocupar o posto 18 con 11 puntos, os mesmos que o equipo que lle precede.
Pola súa banda o Campo Lameiro, que non é capaz de romper o seu mal momento de resultados, cae á décimo terceira posición con 15 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Campo Lameiro.
Lanzado marcha o Unión Grove, que logrou no campo do Alertanavia a súa cuarta vitoria consecutiva na liga (1-2).
Fíxoo ademais de maneira agónica, cun gol de Daniel Otero no último minuto que lles coloca quintos na táboa con 25 puntos, empatados cos postos de promoción de ascenso.
O bloque meco adiantouse no marcador aos 15 minutos de xogo por medio de Rubén, pero os locais igualaron antes do descanso. Chegouse así a un segundo tempo xogado de poder a poder que se terminou decidindo no último suspiro.
Consulta a acta do Alertanavia-Unión Grove.
Novo tropezo para o Xuventú Sanxenxo, que encadea a súa terceira xornada sen gañar despois de empatar na casa ante o Mondariz (1-1).
Despois dun primeiro tempo de igualdade, os amarelos tomaron vantaxe no minuto 60 cun tanto de Aitor Gómez, pero os visitantes conseguiron igualar 13 minutos despois e o marcador xa non se volvería a mover.
Pese ao empate o Sanxenxo mantense na cuarta posición do grupo con 25 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Mondariz.
Partido tolo entre Beluso e Pontellas que finalizou con empate a 4 goles despois dunha vertixinosa segunda metade.
Desperdiciou as súas vantaxes o cadro de Bueu, que acabou o choque en inferioridade numérica. Así nuns minutos de vertixe, desde o 42 ata o descanso, lograron poñerse 3-1 con goles de Soage, Ricardo Pazos e Reiriz.
No primeiro mintuo da segunda metade o Pontellas recortaba distancias e pouco despois lograba empatar. Quedaron entón cun menos os locais e cando parecía que todo se poñía en contra Óscar Millán, a falta de nove minutos para o final, volvía poñer en vantaxe ao Beluso, renda que perderían case na última acción do choque co empate final dos visitantes.
Con este resultado o Beluso queda na décima posición con 18 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Pontellas.