A Escola Naval Militar contáxiase de espírito deportivo
Por Redacción
O deporte alagou as instalacións da Escola Naval Militar de Marín, escenario dos XX Campionatos Deportivos de Academias Militares.
Un total de 480 alumnos da Academia Xeral Militar, Academia Xeral do Aire, Academia Central da Defensa e a propia Escola Naval participaron no evento.
As pistas deportivas do centro militar marinense viviron as competicións de atletismo, baloncesto, voleibol, balonmán, fútbol-7, judo, tiro arma longa, tiro arma curta, natación, carreira de orientación, concurso de patrullas, pentatlón militar, tenis, proba combinada feminina, tríatlon sprint cros, pádel e vela.
Despois de catro días de intensa actividade, que finalizaron o domingo día 5, a Academia Xeral Militar encabezou a clasificación xeral con 455 puntos, sendo segundo a Escola Naval con 323 puntos, mentres que a Academia Xeral do Aire sumou 265 puntos e a Academia Central da Defensa 108 puntos.
Os Campionatos Deportivos de Academias Militares celébranse cada dous anos, e forman parte do Plan de Actividades do Consello Superior de Educación Física e Deportes das Forzas Armadas.