Luisito promete traballo na volta aos adestramentos: "O que non quería era ser un estorbo"
Por Diego Espiño
Foron unhas horas duras para José Luís Míguez 'Luisito', quizais as máis duras desde que aterrou no Estadio Municipal de Pasarón, pero o técnico, unha vez ratificado no cargo, púxose de novo ao choio para tentar reverter a mala situación do equipo.
Asegura que, a pesar do seu carácter temperamental, a decisión de dimitir en Talavera estaba meditada e "non foi un impulso", e recoñece que "chorei de rabia, de impotencia" tras a derrota do domingo.
"É a primeira vez desde que son adestrador e desde que estou aquí que me sentín fulminado, porque eu sei o que me dedico a adestrar, o que me dedico polo Pontevedra e sei o que estou sufrindo", explicou o adestrador granate.
A reacción do plantel, cos capitáns á fronte, o apoio do Consello de Administración encabezado por Lupe Murillo e da dirección deportiva fixéronlle cambiar de opinión e supóñenlle "un orgullo".
Luisito xustifica a súa dimisión en que "non quería ser un estorbo", pero agora que recuperou forzas promete traballo para deixar atrás estes malos momentos e "tratar de volver ser un Pontevedra supercompetitivo".
MEDIA HORA DE REUNIÓN NO VESTIARIO
Tanto a presidenta do club como o director deportivo, Roberto Feáns, achegáronse ao adestramento do equipo celebrado este luns nas instalacións de Príncipe Felipe, e mantiveron unha reunión co corpo técnico e xogadores para transmitirlles a súa confianza.
Tras abandonar o lugar os directivos, plantel e adestradores permaneceron un pouco máis na caseta para dialogar sobre a situación e tratar de buscar remedio aos erros cometidos nas últimas xornadas. Despois todos compareceron sobre o céspede artifical de Príncipe Felipe para realizar un suave traballo de recuperación, como é habitual na primeira sesión semanal.
PROSI E CARLOS RAMOS, Á MARXE
Dous xogadores, ademais do lesionado Jimmy, non se exercitaron ao mesmo ritmo que os seus compañeiros por problemas físicos. Foron os casos de Carlos Ramos, que traballou baixo a dirección do fisioterapeuta do equipo, e de Prosi, que apenas realizou carreira continua. En todo caso espérase que o seu estado mellore nas próximas horas, aproveitando a xornada de descanso do martes, e poida incorporarse ao longo da semana ao grupo.
Relacionadas:
-
Luisito xa non é adestrador do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Superar a súa debilidade nos partidos a domicilio, unha necesidade para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Fútbol sen premio dun bo Pontevedra coa pólvora mollada ante o Navalcarnero (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Vencer o Navalcarnero en Pasarón, única medicina posible para superar a inestabilidade
Por Diego Espiño |
-
O foco de atención no Pontevedra volve ao plano deportivo
Por Diego Espiño |
-
Confianza en Luisito e revolución no plantel: "En diciembre tomaremos decisiones"
Por Diego Espiño |
-
O Consello de Administración do Pontevedra non acepta a dimisión de Luisito
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Luisito presenta a súa dimisión tras a derrota en Talavera
Por Diego Espiño |
-
Trinta minutos e apagamento dun Pontevedra que se afunde repetindo erros en Talavera (2-1)
Por Redacción |