O Marcón toma aire á conta do Alertanavia, o Beluso golea ao Campo Lameiro e o Sanxenxo tropeza
Por Redacción
A xornada entre semana sentoulle ben ao Marcón Atlético, que conseguiu romper a súa mala serie de resultados cun valioso triunfo a domicilio, no campo do Alertanavia (1-2).
Tivo que suar a pinga gorda o cadro adestrado por Borja Burgos, que a pesar do seu mal momento en liga non se descompuxo cando os locais tomaron vantaxe aos 40 minutos de xogo.
Sapi aos dous minutos da continuación fixo o empate, pero os pontevedreses non se conformaron e atoparon premio ao seu esforzo no último minuto de xogo co definitivo 1-2 de Jesús.
Unha recompensa ao Marcón que lle achega aos postos de permanencia, ocupando agora o posto 18 do Grupo Sur de Preferente con 8 puntos.
Consulta a acta do Alertanavia-Marcón Atlético.
Goleada do Beluso na casa (4-1) nun choque ante o Campo Lameiro no que foi superior ao seu rival.
Os de Bueu encarrilaron o partido na primeira metade con dous goles de Dani Pérez, nos minutos 24 e 37, e sentenciaron no segundo acto especialmente tras un tanto en propia meta dos visitantes, que terminou coa súa resistencia.
Julio Lorenzo chegou a materializar o cuarto antes de que o Campo Lameiro marcase o gol de honra por medio de Galdames, de penalti.
Con este resultado o Beluso colócase con 17 puntos na oitava posición, mentres o Campo Lameiro, que encaixou a súa terceira derrota consecutiva, é décimo terceiro con 14 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Campo Lameiro.
Valioso triunfo do Unión Grove a domicilio, no campo do Porriño Industrial (1-2).
Diego adiantou ao equipo meco ao fío do descanso, poñendo a favor un partido que se decidiría na segunda metade co tanto de Rubén aos 66 minutos. Os locais recortaron distancias pouco despois dando emoción á recta final do choque, pero o Grove defendeuse con acerto para levar os puntos en xogo.
Coa vitoria o Unión Grove segue sexto con 19 puntos.
Consulta a acta do Porriño Industrial-Unión Grove.
Salvou polo menos un punto o Xuventú Sanxenxo nun choque en Baltar de Arriba no que sempre foi a remolque, ante o Gondomar (2-2).
O bloque visitante adiantouse á media hora de xogo, pero os locais seguiron pelexando para empatar mediado o segundo acto cun gol de Iago.
Parecía que o partido podía decantarse para calquera bando cando o Gondomar volvía tomar vantaxe. Era o minuto 77 e só tres despois Javi Nogueira facía xustiza devolvendo as táboas ao marcador.
Pese ao empate os amarelos seguen segundos na clasificación con 24 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Gondomar.