O desconto volve amargar ao Pontevedra ante o Fabril (2-2)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Outra vez o maldito desconto. Case na última acción do partido o Pontevedra perdeu dous valiosos puntos ao ver desde a impotencia como o Fabril facía con xustiza o empate (2-2).
Chegaba como líder á cita o filial deportivista, e os granates buscaban recobrar a súa moral cun bo resultado. Preto estiveron nun partido de pouco brillo. Melloraron a súa imaxe no inicio os de Luisito, con moita seriedade e tirando do que noutras coasiones faltou, a pegada, para tomar vantaxe ata en dúas ocasións.
Dispuxo o técnico dun equipo con moitos cambios e cunha liña de retagarda de circunstancias, con Goldar no lateral destro ocupando o posto dun Miguel que non se recuperou a tempo, e unha parella de centrais inédita ata agora con Mongil e Bruno, volvendo David Castro no costado zurdo. Volvía ademais ao once Álex Fernández para cubrir a ausencia de Kevin e futbolistas como Jorge, Álex González e Etxániz.
Os cambios funcionaron e o encontro converteuse no inicio nunha pelexa no centro do campo. Pasaban poucas cousas, con algún disparo afastado de Jardel para o filial deportivista ou de Etxániz para os locais, sen acerto. Foi así ata que nun chispazo Jorge plantouse man a man con Francis, regateou ao porteiro do Fabril e este derruboulle nun claro penalti.
Añón encargábase de transformar ao fío da media hora de xogo, pero a alegría durou pouco. Só catro minutos despois Romay gañou a liña de fondo pola banda dereita, o seu centro desviouno Mogil deixándoo morto na área para que Jardel fixese o empate.
O gol pareceu acender aos deportivistas, que adiantaron liñas. Con todo non atopaban acerto nos últimos metros e o que chegaría sería o segundo golpe do Pontevedra. Etxániz gaña un balón aéreo para Álex González, que desde a esquerda pon un balón tenso á área que se pasea tenso ata o segundo pau, onde aparecía o pichichi Añón para facer o segundo, no minuto 43.
Co 2-1 chegábase ao tiemo de descanso, e no segundo acto todo cambiou. O Fabril lanzouse ao ataque desde o primeiro minuto, cos granates fiándose ao seu labor defensivo para reter os res puntos en xogo. Tanto foi así que o Pontevedra non disparou nin unha sóla vez a porta nos segundos 45 minutos.
As ocasións sucedíanse para o Fabril, que a piques estivo de anotar nun desvío de Bruno que se marchou por centímetros. Despois apareceu a figura de Edu Sousa para manter aos de Luisito. O porteiro protagonizou dúas intervencións de gran mérito para desviar un remate de cabeza de Borja Galán e salvar un man a man con Uxío tras unha indecisión de Goldar en defensa.
Era o minuto 74 e aínda que apertaba o cadro visitante empezou a non chegar xa con tanta claridade. Pasaban os minutos e cada vez a vitoria local parecía máis preto, ata que chegou o fatídico tempo de desconto, no que Pinchi xeaba Pasarón empuxando á rede un centro desde o costado zurdo de Ismael.
Non tivo tempo para reaccionar o Pontevedra, que ve para desesperación da súa afección como por segunda xornada consecutiva escápanselle uns puntos importantes no útimo suspiro cortando a ansiada reacción na clasificación da Segunda B.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Mongil, David Castro (Adrián León, minuto 61), Goldar, Bruno, Álex Fernández, Álex González, Jorge (Carlos Ramos, minuto 70), Etxániz, Prosi, Añón (Marcos Álvarez, minuto 82).
FABRIL (2): Francis; Blas, Raúl González, Gaizka, Lucas, Carlos López, Pinchi, Queijeiro, Jardel (Ismael Díaz, minuto 70), Romay (Uxío, minuto 66), Borja Galán (Luis Fernández, minuto 76).
Árbitro: Leandro Carbajales Gómez (Asturias), auxiliado nas bandas por Daniel Novoa Hernández e Nicolás Marinero Noval. Amoestou a Mongil, Bruno e Edu no Pontevedra e a Francis e Borja Galán no Fabril.
Goles: (1-0) Minuto 27: Añón de penalti. (1-1) Minuto 31: Jardel. (2-1) Minuto 43: Añón. (2-2) Minuto 91: Pinchi.
Incidencias: Partido disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante uns 2.000 aficionados.
Relacionadas:
-
Luisito presenta a súa dimisión tras a derrota en Talavera
Por Diego Espiño |
-
Trinta minutos e apagamento dun Pontevedra que se afunde repetindo erros en Talavera (2-1)
Por Redacción |
-
O Pontevedra viaxa a Talavera coa intención de recuperar os puntos perdidos
Por Diego Espiño |
-
O líder Fabril, exame de nivel para un irregular Pontevedra
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
A enfermaría do Pontevedra énchese no peor momento
Por Diego Espiño |
-
Na última xogada do partido o Pontevedra cae en Ponferrada (1-0) tras facer un exercicio de supervivencia
Por Redacción |