A Copa do Rei pon sobre aviso ao Pontevedra na súa visita ao Toralín
Por Diego Espiño
Non se fía o Pontevedra Club de Fútbol do mal momento que atravesa na liga, con seis xornadas consecutivas sen gañar, a Sociedad Deportiva Ponferradina, equipo ao que visita este domingo (17:00 horas, El Toralín).
Os granates viaxan á capital do Bierzo sobre aviso, e é que o encontro de Copa do Rei que a Ponferradina disputou o mércores, no que superou a todo un Villarreal (1-0), demostra o potencial dun plantel deseñado para pelexar polo ascenso de categoría aínda que agora ocupe a penúltima posición da táboa.
A pesar de todo, a presión da contorna e afeccionados de Ponferrada pode xogar a favor dos pontevedreses, que buscarán no Toralín mellorar a imaxe da última xornada de liga e encadear un segundo triunfo consecutivo que lles impulse na clasificación da Segunda División B.
Trátase dun escenario no que a Ponferradina deixou escapar este ano xa moitos puntos, con só un triunfo, dous empates e dúas derrotas no que vai de competición. O principal problema dos homes dirixidos por Carlos Terrazas está a ser o gol, con só 8 tantos anotados dos que 4 conseguíronos na súa única vitoria na casa, ante o Majadahonda.
No Pontevedra futbolistas como Álex González, importante na remontada ante o Coruxo, ou David Castro, arrastraron problemas físicos durante a semana, polo que a principal dúbida para Luisito céntrase no costado zurdo, tanto ofensivo como defensivo, no que segue sendo baixa por lesión Jimmy.
Esa dúbida parece despexarse tras o último adestramento celebrado a porta pechada en Pasarón, na mañá deste sábado, que deixa a Álex González como principal candidato a ocupar esa praza de lateral esquerdo, ou ben a Bruno, que entraría no once inicial ao quedar fóra da convocatoria David Castro.
Dese modo, os 18 xogadores que Luisito leva a Ponferrada son: Edu Sousa, Miguel Ángel, David Goldar, Bruno Rivada, Álex González, Jorge Hernández, Víctor Mongil, Jesús Berrocal, Marcos Álvarez, Iván Martín, Kevin Presa, Ion Etxániz, Prosi, David Añón, Álex Fernández, Carlos Ramos, Adrián León e Anxo.
O colexiado do encontro será o rioxano César Soto Grado.
Relacionadas:
-
Na última xogada do partido o Pontevedra cae en Ponferrada (1-0) tras facer un exercicio de supervivencia
Por Redacción |
-
Situación límite na Ponferradina a poucos días de recibir ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Remontada milagrosa dun gris Pontevedra fronte un Coruxo sen puntería que merece gañar (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Os partidos mañaneiros atragántanselle a un Pontevedra que volve ás andadas (2-0) en Majadahonda
Por Redacción |