O Pontevedra Mareantes, sen opción en Ferrol
Por Redacción
Sen paliativos. A derrota encaixada polo Pontevedra Mareantes na súa visita ao CR Ferrol non deixa lugar a dúbidas, non foi o seu día.
O cadro local impúxose por un contundente 50-0 na Malata na terceira xornada de liga da Primeira División Galega.
O Ferrol mostrou unha intensidade e un ritmo de xogo aos que o equipo do Lérez non tivo capacidade de responder. Así, cun ensaio nos cinco primeiros minutos empezou a definir un marcador que foi crecendo durante todo o encontro, especialmente na primeira metade, deixando case sentenciado o choque ao descanso.
Aínda que se buscou unha reacción desde o banco e a imaxe mellorou na segunda metade, o Pontevedra Mareantes non foi capaz de crear perigo ante un equipo local que en ataque seguiu anotando ata redondear o marcador.
Por se o resultado non fóra xa suficiente, a peor noticia para os pontevedreses chegou coas lesións de ata catro xogadores, que segundo a súa evolución poderían perder a próxima xornada da competición.
A derrota deixa aos da Boa Vila na quinta posición da táboa clasificatoria con 6 puntos, os mesmos que o CRAT Coruña B.