Xornada aciaga en Preferente con derrotas de Marcón, Campo Lameiro, Beluso e Grove
Por Redacción
Os equipos da comrca que militan no Grupo Sur de Preferente viviron unha xornada negra, con derrotas de Marcón, Campo Lameiro, Beluso e Grove e empate do Xuventú Sanxenxo.
O peor parado foi o Marcón Atlético, que cun equipo de circunstancias por culpa das baixas caeu goleado con claridade no campo do Porriño Industrial (5-0).
Os de Borja Burgos aguantaron 25 minutos, pero en apenas 9 os locais acertaron tres veces deixando moi tocado ao cadro pontevedrés.
A pesar de que a situación se tranquilizou, Iván Groba fixo dous tantos máis nos últimos minutos para profundar na ferida do Marcón, que queda así na penúltima posición con 5 puntos.
Consulta a acta do Porriño Industrial-Marcón Atlético.
Mereceu mellor sorte o Campo Lameiro na súa visita á cancha do Caselas (1-0).
Os verdes mostráronse sólidos durante todo o encontro e só tras unha acción a balón parado viron como se desnivelaba o marcador, aos 51 minutos de xogo.
O Campo Lameiro tivo opcións para empatar, pero non estivo acertado encaixando a súa terceira derrota do curso, coa que queda na novena praza con 14 puntos.
Consulta a acta do Caselas-Campo Lameiro.
O Unión Grove viuse superado pola súa banda fóra da casa ante un dos claros favoritos ao ascenso, a UD Ourense (2-0).
A pegada dos locais resultou decisiva cun tanto á media hora de xogo e outro no minuto 68, cando o cadro meco tentaba lanzarse a por o empate.
A derrota coloca ao Unión Grove no undécimo posto con 13 puntos.
Consulta a acta do UD Ourense-Unión Grove.
Tamén perdeu, neste caso ante a súa afección, o Beluso, que se viu sorprendido polo Alertanavia (1-3).
A fortuna non sorriu aos de Bueu, que aos 10 minutos víronse por baixo no marcador mercé a un tanto en propia porta. A pesar diso reaccionaron para empatar pouco despois por medio de Iván Bermúdez.
Un penalti á media hora volveu poñer en vantaxe aos visitantes, que na segunda metade quedaron en inferioridade numérica. Ese detalle fixo que o Beluso se lanzase aínda maís ao ataque, pero o que chegaría sería a sentenza do Alertanavia no tempo de desconto.
Coa derrota o Beluso cae ao posto 13 da clasificación con 11 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Alertanavia.
O que si conseguiu puntuar, nun duelo da parte alta da táboa, foi o Xuventú Sanxenxo no encontro que lle enfrontaba en Baltar de Arriba ao Bande (1-1).
Os amarelos adiantáronse aos 2 minutos de xogo por medio Aitor Gómez. Pintaba ben o partido, pero o cadro visitante conseguiu igualar ao fío do descanso.
A pesar das opcións de ambos os equipos o marcador xa non se movería na segunda metade, desperdiciando tanto Sanxenxo xomo Bande a posibilidade de asaltar o liderado en solitario da categoría. A pesar diso os locais son segundos con 20 puntos, a só un do primeiro posto.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Bande.