Arosa e Ribadumia atopan o gol, o Villalonga frea ao líder e o Céltiga estrélase ante o Compostela
Por Redacción
Non desaproveitou o Arosa a oportunidade que supoñía a visita dun Barbadás que con esta suma nada menos que sete xornadas consecutivas con derrota para sumar tres puntos e facelo cunha goleada que lle permite superar os seus problemas de efectividade ante a portería rival. Os de Jorge Otero encadean tres triunfos para asomar a cabeza aos postos altos da táboa, despois dun comezo titubeante.
A pesar do amplo do resultado, os arlequinados tiveron que esperar á segunda parte para materializar a súa superioridade e certificar a vitoria.
Yerai abría o marcador aos 16 minutos, para chegarse ao descanso con vantaxe mínima, non sen antes un susto para a parroquia local, nun remate de Ilyes que salvou Lloves.
A sorpresa saltaba ao pouco de renovarse o xogo (minuto 51) cando Rivero conseguía empatar, pero a entrada no campo de Julio Rey sería clave para os locais e unha asistencia súa (minuto 64) aproveitábaa Javi Pazos para marcar o 2-1.
Pouco despois (minuto 68) Rivas conseguía o terceiro, pechando a conta Julio Rey, xa no tempo engadido.
Consulta o acta do partido Arosa-Barbadás nesta ligazón.
Non foi rival o Céltiga para un Compostela que dominou amplamente e goleou con comodidade no Salvador Otero, resolvendo o partido xa na primeira parte. Os visitantes materializaron a súa superioridade a partir da media hora cando Santi Gegunde remataba de cabeza un pase de Rober tamén coa cabeza.
Santi repetía aos 39 minutos, nun novo remate de cabeza á saída dun corner e no desconto da primeira parte Ares transformaba un penalti cometido sobre Samu para subir o contundente 0-3 ao marcador.
Na segunda parte seguiu o dominio visitante e as lagoas defensivas branquivermellas que nada máis renovarse o xogo permitiron un novo gol de Santi, rematando de cabeza outro corner.
Aos 58 minutos Ares pechaba a conta aproveitando un pase atrás de Santi Gegunde, o xogador do partido.
Consulta o acta do partido Céltiga-Compostela nesta ligazón.
Chegaba o Silva a San Pedro nunha posición de privilexio, como líder indiscutible da Terceira división e unha carta de presentación case inmaculada, con oito vitorias, un empate e unha derrota, pero non puido cun Villalonga que necesitaba puntuar tres encaixar tres derrotas consecutivas.
Os locais plantaron cara ao equipo coruñés, que levou a iniciativa, e non permitiron ocasións claras ante a meta de Marcos Bermúdez, conseguindo un punto moi valioso.
Consulta o acta do partido Villalonga-Silva nesta ligazón.
Tres puntos dos últimos 27 é o triste balance dun Negreira que non foi rival para un Ribadumia á alza que pola contra acumula a súa sexta xornada consecutiva sen perder (4 vitorias e 2 empates), incorporándose á zona tranquila da táboa.
O resultado puido ser aínda máis avultado de non evitalo o porteiro local Albor, quen tivo intervencións de moito mérito, salvando claros remates dos dianteiros visitantes.
Aos 10 minutos de xogo, un primeiro erro da zaga local permitiu a Hugo Soto rematar co peito no segundo pau un lanzamento de esquina e antes da media hora unha contra levada por Hugo Soto deixou o balón a David para que só no segundo pau rematase de cabeza.
Non se cumprira o primeiro minuto do segundo tempo cando Capelo atopou a Quintairos para anotar un gol que daba esperanzas ao Negreira, pero apenas dous minutos máis tarde Josiño aproveitaba un centro de Hugo Soto para facer o terceiro dos visitantes, que sentenciarían no minuto 67 cunha falta lanzada por Cerqueiras, que puxo o balón na escuadra.
Consulta o acta do partido Negreira-Ribadumia nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Arosa achégase ao play-off e salva unha xornada negra para Ribadumia, Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
Arosa e Céltiga arrancan un valioso punto a domicilio fronte a Compostela e Cultural Areas
Por Redacción |
-
Un tempo para cada equipo e xusta repartición de puntos entre Ribadumia e Villalonga (1-1)
Por Redacción |
-
Vitorias do Ribadumia sobre o Ourense, Arosa en Boiro e Céltiga en Barbadás e derrota do Villalonga en Redondela
Por Redacción |
-
Ceden en casa Villalonga e Celtiga, o Arosa logra a súa segunda vitoria e o Ribadumia arranca un punto
Por Redacción |
-
Remonta o Ribadumia, sorprende o Céltiga en Villalba, cae o Villalonga na casa e segue sen arrancar o Arosa
Por Redacción |