O bádminton volveu á cidade para quedar
Por Diego Espiño
"Hai 10 anos que non se fai unha competición de bádminton na cidade", asegura Jesús Pereiro, pero esa espera terminou da man do recentemente creado Bádminton Pontevedra, club que preside.
En pouco tempo, ademais de sumar un bo número de fichas para a súa escola deportiva, o club pontevedrés púxose a organizar o primeiro Trofeo Cidade de Pontevedra, proba incluída dentro do Circuíto Galego Sub-11/17.
Preto dun cento de xogadores dos "8 mellores clubs galegos" daranse cita na competición este sábado 21 de outubro, nunha xornada que contará con case 150 partidos e que se celebrará no pavillón do IES Sánchez Cantón.
"Esperemos que o trofeo se convirta nun fixo no calendario", explica Pereiro, e é que o club trouxo de novo este deporte á Boa Vila a nivel de base coa intención de quedar durante moitos anos.
Así o entende tamén a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, que acompañou ao presidente do Bádminton Pontevedra na presentación do torneo e que se mostra convencida de que esta modalidade deportiva "se vai afianzar seguro na cidade".
A competición do Circuíto Galego dará comezo ás 10:00 horas e contará con entrada de balde para o público.