Lección de fútbol, presión e contragolpe dun magnífico Pontevedra que vence (1-3) en As Pontes
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Esta visto que cando maiores son as dificultades mellor é o rendemento deste Pontevedra. Un partido máis co equipo cargado de ausencias por lesión. Un rival que é unha das revelacións da tempada. Unha nova final na loita por meter a cabeza entre os catro primeiros. O resultado de todo isto: pois o mellor Pontevedra ou un dos mellores de toda a tempada.
Foron uns primeiros corenta e cinco minutos primorosos. E iso que o terreo non estaba para florituras, pesado e irregular. A saída dos de Milo Abelleira sorprendeu a propios e estraños. Presión asfixiante sobre a saída de balón do contrario. Liña defensiva adiantada, non deixando respirar o rival. Anticipación e saída como frechas cara ao marco rival.
Cinco minutos de tenteo e comezou o festival. Avisou Santi Domínguez. O seu disparo sacouno baixo paus Pablo López. Intentouno Adrián, o balón deu no seu compañeiro Stefan, evitando o gol. Pero á terceira foi a vencida. Roubo en medio campo e saída fulgurante de Tubo que encara ao meta na área e é derrubado por este. Penalti e só tarxeta amarela para o porteiro. Santi Domínguez non falla enganando a Kiko.
Camiño despexado, pero os granates non baixaron o ritmo. Ben ao contrario mantiveron a intensidade defensiva, a velocidade nas súas accións, a presión e esa anticipación da que falabamos. Adrián leu perfectamente un pase en medio campo. Saíu como unha frecha, roubou o balón e meteu un pase entre liñas sinxelamente perfecto. Do resto ocupouse Stefan cunha finalización chea de calidade técnica. Unha "picadiña" para salvar a saída de Kiko, sen que Pablo López puidese evitar que o balón entrase.
Só pasaran 11 minutos dende que o colexiado pitara o comezo. 0-2 e o Pontevedra non se conformaba. Iso si, ferido no seu orgullo, o equipo local dispuxo de dúas chegadas para recortar, ambas as dúas por medio de Cañi. Na primeira o remate de cabeza marcha moi desviado, e na segunda o centro-chut envelénase e remata no longueiro da portaría de Lloves.
O resto sería un festival granate. Ocasións de todas as cores. Fútbol brillante e vibrante. Santi Domínguez intentouno cunha volea impresionante a centro de Stefan. Kiko respondeu cunha gran parada. Jacobo fixo o propio dende a frontal. O meta local atallou en dous tempos. E antes do descanso nova contra na que Santi Domínguez pecou de xeneroso e en lugar de rematar quixo ceder a David Pérez para que marcase a pracer, pero Chote cruzouse mandando o balón a corner.
Cando o árbitro sinalou o descanso a ninguén tería estrañado que o resultado fose dun 1-5 favorable ao Pontevedra, pero o partido quedaba aberto.
A segunda parte foi diferente. Ao Pontevedra tocáballe iniciar pola parte do terreo en peor estado e ademais, co malestar do campo e o esforzo realizado, era de todo punto imposible manter aquel ritmo endemoñado. Aínda así, cedendo metros na zona ancha, os granates lograban a sentenza por medio dun Jacobo outra vez maxestoso actuando como director de xogo e aparecendo sempre nas zonas de perigo. Fíxoo a balón parado, cun lanzamento sempre complicado para os porteiros e que se comeu Kiko, ao dubidar entre saír ou esperar o intento de remate de Yago Vázquez e Stefan.
Quedaba media hora. Manolo García moveu o banco e mandou o seu equipo arriba á desesperada. A defensa granate resistiu, aínda que a presenza de Dieguito o fixo sufrir máis que en todo o resto do partido. Das súas botas partiu o gol de Eloy que reducía diferenzas. O Pontevedra, malia a extrema xuventude da maioría dos seus xogadores, tirou de oficio, durmiu o partido e non deu a máis mínima opción á remontada local.
Mesmo houbo ocasión para algunha contra, pero as forzas xa estaban moi xustas. Gañouse, con autoridade, con brillantez e cun equipo que non acusa as ausencias fundamentalmente porque cada un dos que saltan ao campo se deixa ata a última gota de suor e empeza a crer nas súas posibilidades. O domingo, en Pasarón, outra final, e esta das grandes fronte ao Compostela, nun día sinalado para a historia granate, que celebrará os 50 anos do primeiro ascenso do club á Primeira División.
C.D. AS PONTES (1): Kiko (2); Rochela (1), Chote (1), Pablo López (2), Pablo Domínguez (1); Jorge Nano (1), Dani (2); Iván González (1), Bossa (1), Cañi (2); e Sergio Arias (0).
Sustitucions: Dieguito (2) por Cañi, minuto 63. Eloy (2) por Chote, minuto 69. David Amado (1) por Iván González, minuto 73.
PONTEVEDRA, C.F. (3): Lloves (2); Cristóbal Juncal (2), Yago Vázquez (3), Pablo (3), Adrián (3); Tubo (2), Emilio (2), Jacobo (3), David Pérez (2); Stefan (3) e Santi Domínguez (3).
Sustitucions: Iago Paz (2) por Emilio, minuto 76. Buba (s.c.) por Stefan, minuto 84. Cristóbal Domínguez (s.c.) por Jacobo, minuto 89.
Árbitro: Francisco Xavier Rodríguez Campos ( A Coruña), auxiliado nas bandas por Pérez Montouto e Gándara Bello. Amoestou a Kiko, Jorge Nano, Iván González, Bossa, Cristóbal Juncal, Pablo e Jacobo.
Goles: (0-1) Minuto 7: Derrubamento do porteiro Kiko a Tubo cando encaraba portaría. Claro penalti que transforma Santi Domínguez enganando o porteiro local. (0-2) Minuto 11: Roubo de balón de Adrián, que se anticipa e mete en profundidade para que Stefan pique con habilidade ante a saída desesperada do porteiro Kiko. (0-3) Minuto 63: Falta lateral que lanza Jacobo a pé cambiado dende a parte dereita do ataque granate con moito efecto; o balón tras botar na área dá no poste e entra xunto á escuadra. (1-3) Minuto 72: Centro de Dieguito dende a liña de fondo que remata Eloy de preto, chegando dende atrás.
Incidencias: Campo de O Poboado (Ás Pontes). Apenas 150 espectadores, dos cales unha trintena eran afeccionados pontevedreses.
VESTIARIOS:
Milo Abelleira: "A primeira parte foi magnífica en todo. Creo que foi do mellor que fixemos esta tempada"
MILO ABELLEIRA: Non ocultaba a súa satisfacción o adestrador granate, non só polo resultado senón polo xogo do seu equipo: "Si, efectivamente, a primeira parte foi magnífica en todo. Creo que foi do mellor que fixemos esta tempada. O traballo defensivo foi magnífico e logo saímos sempre con perigo, creando moitas ocasións para facer gol e ampliar ao marcador, pero é que ademais non concedemos nin unha sóla ocasión ao rival. Logo a presión dos dianteiros xa non era a mesma e cedemos terreo na segunda parte, máis que nada porque tiñamos bastante medo ao linier desta banda, que non sinalase os foros de xoga de Sergio Arias, que sempre está ao límite. Ademais o campo nesa zona non estaba nada ben para iniciar as xogadas como fixeramos na primeira".
Con respecto aos partidos que restan e as posibilidades de meterse entre os catro primeiros, Milo dixo: "Non imos facer contas de momento. O domingo temos outro partido importante ante o Compos. Temos 55 puntos e o único que temos que pensar é en poder ter 58 dentro dunha semana, ao rematar o partido, iso é o fundamental".
Manolo García: "Cando recibes tres goles na casa e che gañan non tes outra cousa que facer máis que felicitar ao rival"
MANOLO GARCÍA: O técnico local lamentábase dos dous goles tan temperáns que encaixara o seu equipo: "Sabiamos que ía ser un partido complicado para nós, pero o que nunca esperas en que en pouco máis de dez minutos te metan dous goles. Está claro que esta situación mediatizou o resto do partido. De todos os xeitos, creo que no resto do partido nós nos mostramos como o vimos facendo nesta liga, sen chegar a unha excelencia defensiva que nos fai encaixar moitos goles, pero tamén xeramos ocasións. O que de verdade fixo que o Pontevedra gañase é que eles acertaron máis ca nós. Cando recibes tres goles na casa e che gañan non tes outra cousa que facer máis que felicitar ao rival".
Para Manolo García el Pontevedra é un claro aspirante aos postos de ascenso: "Por suposto que si. O Pontevedra está en plena loita. Claro que a proxima semana ten un partido clave, pero o vexo coas mesmas posibilidades que calquera dos seus rivais, o que menos perdoe será o que o consiga. Nós trataremos de recuperarnos deste contratempo, pero co obxectivo que tiñamos ao principio de liga conseguido, agora intentaremos quedar o máis arriba posible".