Os partidos mañaneiros atragántanselle a un Pontevedra que volve ás andadas (2-0) en Majadahonda
Por Redacción
Volta ás andadas dun Pontevedra ao que se lle atragantan as máñanas futbolísticas madrileñas. Os granates repetiron erros e defectos que adoitan significar perder un partido. Fronte ao Rayo Majadahonda os de Luisito chegaron tarde, atopáronse con dous goles en contra, un ao comezo de cada período, concederon demasiadas facilidades defensivas e careceron tanto de pegada en ataque como de capacidade de reacción tras encaixar o 2-0.
O equipo granate concedeu demasiado e mesmo tivo en Edu Sousa ao seu mellor home, evitando unha derrota máis avultada. Os de Luisito foron un equipo desordenado, que quixo pero non puido e xogou a impulsos, sen continuidade, e a pesar diso tivo opcións de meterse no partido varias veces, pero en todas elas faltoulle o necesario acerto rematador.
Non transcorreran máis que tres minutos cando un saque de porta de Edu queda curto e o despexe local chega a Dani Pichín que se vai en velocidade e é derrubado por Miguel Ángel cando encaraba ao meta granate. O mesmo Dani Pichín transforma o penalti, a pesar de que Edu estivo a piques de parar.
Co Pontevedra presionando moi arriba e o Rayo buscando os balóns longos ás costas da defensa, tentando aproveitar a velocidade das súas puntas, o primeiro tempo foi de dominio local ata preto da media hora, especialmente grazas á superioridade mostrada no centro do campo, que lle permitía xerar accións por ambas as bandas na que as incorporacións dos laterais madrileños creaban moitos problemas á defensa granate.
Aos de Luisito custoulle achegarse con perigo á área rival, aínda que cando o fixo tivo os seus mellores minutos, con dúas ocasións case consecutivas nas botas de Álex González, a primeira a centro de Miguel Ángel, que rematou desviado, e a segunda nun disparo que despexou con dificultades o meta local Basilio.
Pero os granates seguían sen sentirse cómodos e o Rayo volveu crear serio perigo con dúas novas ocasións en apenas un minuto. Un balón que gañou Vicente no medio campo e vendo a Edu adiantado tentou sorprenderlle obrigando ao meta visitante a sacar o balón case da mesma escuadra, e un centro-chute de Coto que salvou David Goldar antes de que puidesen chegar os dianteiros locais.
A diferenza entre ambos a marcaba a mobilidade arriba dos xogadores locais, máis verticais que os galegos, que cando atacaban non lograban incordiar á defensa do Rayo. Etxániz, demasiado só e desasistido, traballaba sen froito na presión, mentres a liña de creación non acertaba a impoñerse. Como consecuencia, a sensación ao descanso era que os madrileños foran mellores e que o Pontevedra debía cambiar bastantes cousas se quería ter opcións no segundo tempo.
Foi prometedor o arranque do segundo tempo que fixo o Pontevedra. Luisito moveu ficha realizando dous cambios simultáneos no descanso, dando entrada a Berrocal e Iván Martín por Etxániz e Marcos Álvarez, buscando reactivar o seu ataque, e case lle dá resultado. Os granates saíron envorcados e tiveron o empate, pero unha vez máis coas súas habituais dificultades para transformar as ocasións que xera.
Un balón que serve Jorge ao espazo libre deixa só a Iván Martín ante Basilio, pero o dianteiro visitante estrelou o remate nas pernas do porteiro madrileño (minuto 48).Pouco despois e a balón parado, aspecto no que o Pontevedra creou máis sensación de perigo, nun corner lanzado por Prosi non chegou Adrián León, pero si David Goldar que rematou mal en primeira instancia e cando o fixo na segunda, logrando marcar, cometeu falta sobre o porteiro madrileño, invalidando a acción.
Parecía que o Pontevedra atopara a fórmula, pero un balón recuperado por Ayoub na zona central dá lugar a unha excelente acción individual do centrocampista madrileño, aproveitando ademais unha sorprendente pasividade defensiva granate, que permitiu a Ayoub chegar á área, plantarse ante Edu e baterlle con comodidade.
O cabreo de Luisito sinalou a Miguel Ángel, substituído inmediatamente por Carlos Ramos, esgotando os cambios e pasando pouco despois a defensa de tres, pero nin con esas os galegos atopáronse cómodos e mesmo puido chegar o terceiro aos 63 minutos, nunha chegada de Jeisson á que respondeu Edu mandando a corner nunha gran parada.
A melloría granate había durado escasamente cinco minutos. Logo, a raíz do segundo gol do Rayo, entraron as présas e a desorde, tentando chegar con máis corazón que argumentos futbolísticos, buscando un fútbol demasiado directo e con excesivo espazo entre liñas que permitía aos locais esperar comodamente a posibilidade dunha contra que sentenciase definitivamente o marcador.
Non chegou esa contra porque a inspiración de Edu Sousa evitouno, pero tampouco o gol que metese ao Pontevedra na loita polo partido, aínda que algunha opción houbo, especialmente una de Adrián León, pero os madrileños apenas sufriron para levar con xustiza os tres puntos.
RAYO MAJADAHONDA (2): Basilio; Rubén, Juan Cruz, Jorge García, Andújar, Vicente, Dani Pichín (Jeisson, minuto 61), Ayoub, Chiqui, Carlitos (Fonda, minuto 78) e Coto (Dani Martínez, minuto 67).
PONTEVEDRA CF (0): Edu, Miguel Ángel (Carlos Ramos, minuto 53), David Castro, David Goldar, Adrián León, Kevin Presa, Álex González, Jorge, Etxániz (Berrocal, minuto 46), Prosi e Marcos Álvarez (Iván Martín, minuto 46).
Árbitro: Alexander González González (Tenerife), auxiliado nas bandas por Yeray Hernández Barrera e Jhovanny Andrés Ossa Hernández. Amoestou a Ayoub, no Rayo Majadahonda e a Miguel Ángel e David Goldar, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 4: Dani Pichín, de penalti. (2-0) Minuto 52: Ayoub.
Incidencias: Campo do Cerro Del Espino (Majadahonda). Uns 500 espectadores.
Relacionadas:
-
A Copa do Rei pon sobre aviso ao Pontevedra na súa visita ao Toralín
Por Diego Espiño |
-
Situación límite na Ponferradina a poucos días de recibir ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Remontada milagrosa dun gris Pontevedra fronte un Coruxo sen puntería que merece gañar (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Un derbi provincial para recuperar sensacións
Por Diego Espiño |
-
David Añón e Álex González, entre algodóns
Por Redacción |
-
A Majadahonda sen Añón e a pola cuarta consecutiva
Por Diego Espiño |
-
A melloría defensiva, clave na reacción do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Segue crecendo o Pontevedra á conta do Real Madrid Castilla (2-0) nun partido brillante dos granates
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |