Vitoria do Teucro en Rentería fronte ao Ereintza (25-37) que lle deixa a só dous puntos da clasificación para o play-off
Por Redacción
Este Teucro merece cantos eloxios se lle poidan dedicar. Certo que era o último da categoría o que estaba en fronte, pero tamén que se xogaba practicamente esgotar as súas oportunidades de permanencia. Os locais intentaron converter o seu feudo nunha caldeira, pero o "lume" durou escasamente 15 minutos, os que tardaron os homes de Javier Barrios en deixar ben claro que non foran de paseo e que entre cella e cella teñen o obxectivo de disputar o play-off de ascenso.
Juan Bar tirou de repertorio baixo paus e no Municipal de Rentería apagouse a luz, fundíronse os locais nun quero e non podo mentres o Teucro, intratable, non sucumbía aos tímidos intentos do conxunto local que, a falta de argumentos, tirou de dureza en ocasións para tratar de frear o aluvión de xogo e goles que se lle viña enriba.
O Teucro chegou a dispoñer dunha máxima renda de 17 goles mediada a segunda parte
Iso si, destacar que a pesar da contundencia do resultado, a afección local non deixou de animar nin un só instante aos seus, o cal ten o seu mérito se pensamos que a diferenza chegou a alcanzar a súa máxima cota mediada a segunda parte, cun escandaloso 15-32 que certificaba ben ás claras a superioridade azul. A partir de aí Barrios moveu o banco, os teucristas baixaron o ritmo e o Ereinzta aproveitou para maquillar as cifras finais.
Xusto antes do comezo coñecíase que un dos rivais, o Adelma Sinfín, caera na súa cancha fronte ao BM Alcobendas. Logo chegaría a noticia da vitoria do Torrelavega. Era igual. Coa mente posta en facer a súa parte, o Teucro estivo firme, non deu opción e sumou dous puntos que lle sitúan a unha sóla vitoria da súa clasificación matemática para disputar o play-off de ascenso, cando restan unicamente tres partidos por xogar e dous deles terán como escenario o Municipal pontevedrés. Quen o ía pensar cando comezou a tempada?.
EREINTZA AGUAPLAST (25): Urtzi Otegui, Íñigo Yerobi (p.s.), Daniel Solano (4), Otegui, Jon Imanol Vázquez (1), Íker Garmendia (1), Asier Bezanilla, Ioritz Goikoetxea (2), Aitor Díaz de Cerio (3), X. Peso (1), Mikel Iraeta (2), Aitor Iturralde (2), Ekaitz Mújika (6) e Asier Larrañaga (3).
S.D. TEUCRO (37): Juan Bar, Gonzalo García (p.s.), Aarón Vidal, Toño Fernández (5), Alejandro Pombo (2), David Chapela (3), Miguel Porto (1), Tomás Moreira (6), José Manuel Rial (9), Didac Villar (6, 3 de penalti), Carlos García (1), Borja Pedreira (1), Siscu (3) e Miguel Sío.
Árbitros: Efrén Muñoz Díaz e Julio Posada González (Madrid). Descualificaron con vermella directa a Aitor Díaz de Cerio (minuto35). Excluíron por dous minutos a Jon Imanol Vázquez, Asier Bezanilla, Aitor Díaz de Cerio, Mikel Iraeta, Aitor Iturralde (3, descualificado), Miguel Porto (2), Tomás Moreira, Carlos García, Borja Pedreira (2) e Miguel Sío.
Marcador (cada cinco minutos): 3-4, 4-6, 7-12, 7-14, 8-16, 10-19 (descanso), 13-21, 14-26, 15-31, 19-33, 23-35 y 25-37 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de Rentería (Guipuzkoa). Uns 350 espectadores.