Emoción e sorpresas no inicio da fase final do Torneo Internacional de Tenis
Por Redacción & Mónica Patxot
Despois de dúas xornadas de competición previa, con xogadores pelexando por entrar na fase final, o VI Torneo Internacional Junior ITF de Tenis de Pontevedra deu comezo á loita polo título nos seus cadros individuais.
As sete pistas de tenis do Casino Mercantil enchéronse de emoción e sorpresas nunha primeira xornada chea de partidos e na que puido verse en acción a algunhas das grandes promesas do deporte da raqueta.
As sorpresas no inicio da fase final chegaron coas derrotas, tanto no cadro feminino como no masculino, dos segundos cabezas de serie, a española Paula Arias e o polaco Daniel Michalski.
Non está a ser un torneo positivo, xa desde a previa, para os xogadores nacionais, e só Marta Custic e Alberto Colas avanzaron ata os oitavos de final, mentres Dami Edibson sobreviviu á previa para debutar no cadro final este mércores.
Un dos grandes partidos no inicio do torneo foi tamén o do español Jaime Caldes, convidado pola organización e que estivo preto de eliminar ao principal favorito, o francés Clement Tabur, cedendo tras case dúas horas de xogo en tres mangas (4-6, 6-1 e 6-2).
A competición avanza ademais no cadro de dobres, cunha intensa programación de partidos durante toda a semana ata chegar ás finais individuais previstas para a mañá do próximo domingo 15 de outubro.
Relacionadas:
-
A choiva condiciona o inicio do XVI Torneo Internacional Junior ITF de Tenis de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O sexto Torneo Internacional Junior ITF queda sen triunfo nacional
Por Redacción |
-
As roldas finais elevan a emoción no VI Torneo Internacional Junior ITF de Tenis
Por Redacción |
-
O futuro do tenis internacional cítase no ITF de Pontevedra
Por Diego Espiño |