A melloría defensiva, clave na reacción do Pontevedra
Por Diego Espiño
Aos poucos as cousas empezan a funcionar no Pontevedra Club de Fútbol, que despois de tres triunfos consecutivos na liga mira agora o futuro con optimismo no Grupo I da Segunda División B.
O cadro granate deixou atrás as imprecisións e a imaxe irregular das primeiras xornadas de liga, e fíxoo cunha melloría que comezou desde a liña defensiva.
Partido a partido os erros que evidenciaban ao comezo da competición, froito entre outras cousas dunha profunda renovación no plantel, foron deixando paso a un equipo máis conxuntado e con menos espazo entre liñas que no último choque de liga apenas concedeu ocasións ao Real Madrid Castilla.
Desde que o Pontevedra caese derrotado en Fuenlabrada, os granates só encaixaron un gol, e fixérono desde o punto de penalti nos minutos finais na Malata. Esa foi a única vez que Edu tivo que recoller un balón do fondo da súa portería en tres encontros, o que unido á mellora da efectividade ofensiva supuxo a esperada reacción do equipo.
Con Adrián León asentado no eixo da defensa como compañeiro de David Goldar e Miguel como dono da banda dereita da retagarda, só o costado zurdo sufriu variación nas últimas semanas, de maneira obrigada pola lesión sufrida por Jimmy.
A defensa é de feito a liña que máis está a ser castigada polos problemas físicos, xa que á lesión de Jimmy uníuselle a escordadura de Adrián León que puxo no aire a súa presenza ante o filial madridista, aínda que finalmente forzou para poder estar no terreo de xogo. Ademais Goldar sufriu no último encontro un forte golpe no nariz que lle supuxo unha fisura ósea. Esta circunstancia non lle fará ser baixa pero si lle obrigará a xogar as próximas xornadas cunha máscara protectora.
A melloría reflíctese ademais na decisión de Luisito de repetir por segunda xornada consecutiva, en Ferrol e ante o Castilla, o mesmo once titular.
EN MAJADAHONDA, EN HORARIO MATINAL
O equipo pontevedrés céntrase agora en tentar prolongar o seu bo momento e xa pensa no próximo encontro de liga, o que lle enfrontará a domicilio ao Rayo Majadahonda o vindeiro domingo 15 de outubro (12:00 horas).
O conxunto madrileño, sexto con 13 puntos, chegará á cita tras empatar en Guijuelo e despois de encadear tres xornadas sen perder, aínda que como local xa cedeu esta tempada dúas derrotas, ante Coruxo e Fabril.
Relacionadas:
-
Os partidos mañaneiros atragántanselle a un Pontevedra que volve ás andadas (2-0) en Majadahonda
Por Redacción |
-
A Majadahonda sen Añón e a pola cuarta consecutiva
Por Diego Espiño |
-
O árbitro do Pontevedra-Castilla expulsa... os recollepelotas!
Por Diego Espiño |
-
Segue crecendo o Pontevedra á conta do Real Madrid Castilla (2-0) nun partido brillante dos granates
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Jimmy, operado con éxito no Hospital QuirónSalud: "Espero que en menos de 8 semanas esté ya jugando"
Por Diego Espiño |