VÍDEO.- O triatleta "más viejuno de España" estrea documental
Por Diego Espiño
Poucos proxectos poden presumir de tanto apoio no mundo do deporte, con figuras do tríatlon mundial como Javier Gómez Noya, Iván Raña ou Saleta Castro, e tamén de personaxes da farándula como Ana Obregón, David Amor, Silvia Jato ou Pepo Suevos.
Conseguiuno Antón Cruces co seu documental 'Oldman: o último triatleta', que se estreará o vindeiro venres 20 de outubro (21:00 horas) no Teatro Principal de Pontevedra. A entrada será libre ata completar aforo.
Despois de moitos meses de arduo traballo e esforzo o documental, que comezou cunha campaña de micromecenado e que conta co apoio do Concello de Pontevedra, verá a luz para contar a historia de Manuel Cruces, o triatleta "más viejuno de España", segundo promociona o seu creador.
Desde unha visión familiar, Antón Cruces pretende explicar aos seus fillos a vida do seu avó, que aos 73 anos segue na elite do tríatlon e que foi todo un pioneiro, ao fundar o primeiro club de tríatlon da cidade, o Panoramix Tríatlon, nos anos 80.
Oldman conta como foron os inicios do tríatlon en Pontevedra "cuando nadie había oído hablar de este deporte", pero é tamén unha historia de superación ao explicar como Manuel Cruces sobrepúxose a un atropelo no ano 2006 e aos prognósticos médicos que lle recomendaban retirarse para seguir gozando do deporte que lle apaixona.
Cruces é unha figura moi respectada no mundo do tríatlon, e unha inspiración para grandes campións como demostra a participación no documental de Gómez Noya ou Saleta Castro. Dentro da promoción do traballo prestaron tamén a súa imaxe Ana Obregón ou David Amor, entre outros.
Ademais da preestrea prevista para o Teatro Principal, a partir do día 22 de outubro estará dispoñible para o seu visionado online.