Volven as 12 horas de BTT 'Non Stop' ao Pontillón do Castro
Por Diego Espiño
A contorna do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, será escenario por cuarto ano consecutivo escenario da Pontevedra BTT Non Stop.
A proba de resistencia reunirá o vindeiro sábado 30 de setembro a 250 deportistas nunha cita que "máis que deporte é un día de convivencia para a xente que lle gusta a bicicleta de montaña", sinalou o responsable da organización, Josevi Cimadevila.
Desde as 9:00 horas os ciclistas inscritos competirán durante 6 ou 12 horas, en función da opción escollida, tentando completar o maior número posible de voltas ao circuíto de 10 quilómetros deseñado para a ocasión.
"Mestura de todo con pistas, sendeiros, subidas e baixadas", explicou Cimadevila, nunha proba que naceu no espello dos eventos de resistencia no automobilismo e no que existirá unha zona de boxes habilitada para dar as remudas na modalidade de equipos.
Nesta ocasión experimentouse un importante incremento de participantes anotados na opción individual, con 24 ciclistas nas 12 horas e unha decena na opción curta. Ademais poderase participar en equipos de ata catro integrantes.
Tanto Cimadevila como a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, quixeron animar na presentación do evento aos afeccionados ao deporte para subir ata o Pontillón do Castro para gozar do "gran ambiente" que se xera na Pontevedra BTT Non Stop.