No aire a continuidade da carreira Pinga Pinga
Por Redacción
Serias diferenzas entre o Club Deportivo Pinarium e a Sociedade Deportiva Santomé poñen en risco a continuidade da carreira popular Pinga Pinga, que este ano chegaría á súa oitava edición.
Segundo fixo público o Pinarium, organizador do evento, a través dun comunicado, o club de fútbol local négase a prestar o campo de herba sintética de Chan de Piñeiro, lugar habitual de saída e chegada da proba atlética e onde se celebraban as carreiras das categorías inferiores.
"As causas que alega a directiva foron cambiando co tempo", sinala o Pinarium, alegando "que se dana o céspede durante a carreira", argumento que foi "desmontado tecnicamente ao primeiro de vez".
A entidade atlética asegura necesitar este espazo sobre todo para as carreiras de menores, xa que "fóra do mesmo non existe espazo físico para albergar aos máis de 500 nenos e os seus máis de 2.000 familiares que esta humilde carreira está a arrastrar nas súas últimas edicións".
Existía en todo caso unha posibilidade para salvar a carreira, e é que en virtude do convenio asinado para a realización das obras, a Deputación de Pontevedra pode reclamar o uso do campo de fútbol para outros eventos varias xornadas ao ano, sempre que non interfira coa actividade habitual que alí se celebra.
Por ese motivo, a instancias da Deputación, o Pinarium falou cos equipos de veteranos que tiña previsto xogar os seus partidos en San Tomé de Piñeiro na data da carreira (sábado 8 de outubro), que coincide coa Festa da Sidra, chegando a un acordo para que trasladasen os partidos a outra localización e así poder reclamar a instalación desde a administración provincial.
Con todo, unha vez formalizada a petición, todo volveu ao momento inicial ao cambiar de parecer estes equipos por "temor de quedar sen xogar" o resto da campaña, recoñeceron desde a organización da carreira.
Desta forma, a dúas semanas da súa data prevista, a incerteza é máxima ao redor dunha proba deportiva que se tiña consolidado no calendario local e comarcal.
Relacionadas:
-
Á segunda vai a vencida e Santo Tomé conta as horas para a VIII Carreira Pinga Pinga
Por Redacción |
-
A organización da Pinga Pinga amóldase á nova data e prepara xa a súa oitava edición
Por Redacción |
-
Acordo a tres bandas para celebrar a carreira Pinga Pinga en novembro
Por Alejandro Espiño |
-
O Pinarium suspende a carreira Pinga Pinga por "non poder garantir a seguridade" dos participantes
Por Redacción |
-
Marea esixe a María Ramallo que non ceda á "chantaxe" que pon en risco a carreira Pinga Pinga
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O atletismo, protagonista en Santo Tomé de Piñeiro coa VII Pinga-Pinga
Por Diego Torrado |