Contundentes derrotas de Marcón e Grove, triunfo do Sanxenxo e empates de Beluso e Campo Lameiro
Por Redacción
Todo lle saíu mal ao Marcón Atlético na terceira xornada de liga no grupo sur de Preferente, ao caer goleado no campo do Erizana (4-0).
Un gol en propia meta de Álvaro aos 2 minutos de xogo puxo o partido costa arriba aos pontevedreses, que xusto antes do descanso encaixaron outros dous tantos que deixaban encarrilado o choque para os locais.
Tentaran reaccionar os de Borja Burgos, pero tres goles era xa demasiado e no segundo acto pouco puideron facer, sobre todo tras o cuarto tanto do Erizana.
Coa derrota o Marcón cae á décimo sexta posición da táboa clasificatoria con 3 puntos.
Consulta a acta do Erizana-Marcón Atlético.
O que segue invicto na súa estrea na categoría é o Campo Lameiro, que nesta ocasión non puido pasar o empate na súa visita a Mondariz (0-0).
Os verdes tiraron unha vez máis de entrega para arrincar un valioso punto que lles deixa na segunda praza con 7 puntos.
Consulta a acta do Mondariz-Campo Lameiro.
Cos mesmos puntos, 7, pero na cuarta posición colócase o Xuventú Sanxenxo tras lograr unha traballada vitoria na casa ante o Alertanavia (1-0).
Foi un partido en grao sumo igualado no que os amarelos pelexaron ata o final logrando o triunfo no tempo de desconto grazas a un gol de Héctor.
Consulta aquí a acta do Xuventú Sanxenxo-Alertanavia.
Outro equipo que segue invicto e dando un bo nivel na categoría é o Beluso, que rabuñou un empate a domicilio ante o Atios (0-0).
Grazas á súa solidez colocáronse con 5 puntos no noveno posto da clasificación de Preferente.
Consulta aquí a acta do Atios-Beluso.
Ao que non lle foron ben as cousas na terceira xornada foi o Unión Grove, que encaixou unha contundente derrota en Moaña (4-0).
Despois dun inicio igualado e con opcións para ambos os equipos, foi o cadro local o que golpeou primeiro cun tanto no minuto 45. O golpe foi duro para o cadro meco, que na segunda parte viu como o Moaña sentenciaba con outros tres goles.
Coa derrota o Grove sitúase na décimo quinta posición con 3 puntos.