Adeus ás colas para anotarse nas escolas deportivas municipais
Por Redacción
O vindeiro luns 11 de setembro abrirá o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais do Concello de Pontevedra, pero a diferenza de anos anteriores non se volverán a repetir as escenas de colas no Pavillón Municipal dos Deportes para acceder ás prazas das modalidades deportivas máis demandadas.
O servizo municipal de Deportes mudou o sistema de anotación e non importará a orde de chegada para asignar as prazas, xa que se existe un exceso de demanda nunha determinada escola procederase a realizar un sorteo para adxudicalas.
Desta forma, o prazo en realidade é de pre-inscrición, que se manterá activo ata as 23:59 horas do domingo 17 de setembro xa que tamén poderá realizarse a través da sede electrónica do Concello, ademais de nas oficinas do servizo de deportes no Pavillón Municipal de luns a venres de 8:00 a 13:30 e de 17:00 a 22:00 horas.
O sorteo de prazas nas escolas con exceso de demanda realizarase o venres 22 de setembro ás 12:00 horas nas oficinas do servizo de deportes.
En canto á oferta, habilítanse un total de 1.628 prazas en 21 modalidades deportivas, coa novidade da inclusión das escolas de pádel, orientación deportiva e escalada. O resto de deportes son: atletismo, tríatlon, baloncesto, rugby, fútbol, fútbol sala, voleibol, balonmán, esgrima, tenis, tenis de mesa, judo, loitas olímpicas, taekwondo, ximnasia, ximnasia rítmica, ximnasia acrobática e xadrez.
O prezo da matrícula mantense con respecto a outros anos cunha cota de 50 euros por neno.
Consulta aquí as prazas para cada deporte nas Escolas Deportivas Municipais 2017/2018.