Zamora, primeira parada para o Teucro no seu regreso a Asobal
Por Diego Espiño
A pretempada chega ao seu fin e o Condes de Albarei Teucro séntese preparado para afrontar o seu regreso á máxima categoría do balonmán nacional.
Os azuis visitan este sábado (17:00 horas, Pavillón Municipal Ángel Nieto) a cancha dun rival directo na loita pola permanencia na Liga Asobal, o Balonmano Zamora, curiosamente o mesmo equipo e a mesma cancha na que arrincaron a pasada campaña na División de Honra Prata.
"Allí es un equipo siempre difícil", recoñece Quique Domínguez, que augura un partido intenso ante un conxunto que "no tiene grandes estrellas pero siempre compite muy bien".
O técnico pontevedrés sinala que o Zamora "lleva muchos años jugando igual, desde Primera Nacional, Plata o Asobal, con una plantilla y un cuerpo técnico que se conocen muy bien", o que é un plus engadido nun conxunto que mantén o bloque que logrou o ascenso reforzando a portería e a primeira liña.
Precisamente a súa última fichaxe, o brasileiro Anderson, acábase de incorporar ao equipo e todo apunta a que non gozará de moito protagonismo no encontro, aínda que a súa única baixa será a do lesionado Guille.
Tamén o Teucro contará cunha única ausencia, a de Johnny Medina que encara a recta final na súa recuperación tras a grave lesión de xeonllo que sufriu a finais da pasada tempada.
Aínda que outro anos o desprazamento a Zamora realizábase no mesmo día, nesta ocasión a expedición azul viaxa cunha xornada de antelación para tentar chegar nas mellores condicións á cita e tentar arrincar a tempada con bo pé.
Os colexiados do encontro serán os asturianos José Luis Fernández Fernández e Antonio Martín Franco.
Relacionadas:
-
Condes de Albarei Teucro remonta para rescatar un punto milagroso en Zamora (28-28) nun final eléctrico
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O Condes de Albarei Teucro vai de vendima
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Sorteada a primeira eliminatoria da Copa do Rei para Cisne e Teucro
Por Redacción |
-
O Cangas arrebata ao Teucro a Copa Galicia no último suspiro (32-33)
Por Redacción |