O Masters de Esgrima de Galicia volve a Pontevedra dous anos despois
Por Diego Espiño
A céntrica Praza da Peregrina vivirá o vindeiro venres 8 de setembro unha tarde en grao sumo deportiva, coa celebración do Masters de Esgrima de Galicia.
Dous anos despois a Escola Hungaresa de Pontevedra volve organizar unha competición que congregará aos mellores tiradores do ránking galego.
En formato de final, nas modalidades de espada, sabre e florete, enfrontaranse en plena rúa o campión autonómico e o número 1 do ránking en cada unha das categorías.
Será a partir das 18:30 horas, pero desde dúas horas antes a esgrima tomará a rúa cunha exhibiciones de esgrima histórica.
"Haberá moito nivel porque veñen tiradores e tiradoras de toda Galicia", recoñeceu na presentación do torneo o presidente da Escola Hungaresa, Adrián Cubela.
DÍA INTERNACIONAL DA ESGRIMA
As actividades de promoción deste deporte completaranse o sábado coincidindo co Día Internacional da Esgrima.
Con ese motivo a Escola Hungaresa deseñou unha xornada de exhibicións polas rúas da cidade que levarán a cabo a partir das 12:15 horas en lugares como Barcelos, Benito Corbal, Praza da Ferrería, Praza da Leña, Verdura, Méndez Núñez, Curros Enríquez e Peregrina.