Esta historia comeza co que se podería chamar "os 28 de Pontevedra". Vinte e oito cidadáns encabezados polo capitán Enríquez, Leonardo Enríquez Rojas, decidiron o 2 de setembro de 1927 fundar unha entidade á que chamaron Sociedad Gimnástica de Pontevedra. Profesionais diversos, empresarios, ... expuxéronse fomentar o exercicio de ximnasia na cidade.
Nesta sociedade comezaron a practicarse deportes como a natación, balonmán, remo, baloncesto, waterpolo,... isto é, o xerme dunhas disciplinas deportivas que logo se aglutinaron nos seus propios clubs. A Gimnástica foi "un niño de atletas e deportistas", como di Ramón Touza, presidente desde hai vinte e dous anos desta entidade.
A contenda civil en España obrigou a unha paréntese, rexurdindo na década dos 50. A Sociedad Gimnástica está inexorablemente vinculada á Escola Naval Militar. Ante a carencia de instalacións formalizouse un convenio coa Escola Naval, onde Rafael Berenguer acolleu aos atletas da sociedade.
A formación dos deportistas, como as instalacións, equipamentos foron evolucionando coas décadas, "evolucionado para ben e para mal" como incide Santiago Ferrer Moreira, adestrador da entidade. Como deportista viviu en primeira persoa as condicións en que adestraban e competían os atletas da súa xeración e como adestrador comproba tamén en primeira persoa como son as circunstancias actualmente.
Este 2 de setembro, cumpre 90 anos. Con motivo do aniversario continúase celebrando un calendario de actividades no que este un de setembro inaugúrase unha exposición no Arquivo Provincial; o día 8 celebrarase unha cea de gala; e completarase con senllas charlas o 7 e o 15, cuxos relatores e temáticas detallan nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio.