A armada pontevedresa de piragüismo maratón, lista para o Mundial de Sudáfrica
Por Redacción
A localidade surafricana de Pietermaritzburg acollerá, desde o vindeiro xoves 7 de setembro ata o día 10, a cita máis importante do ano para a armada pontevedresa de piragüismo maratón, o Campionato do Mundo da especialidade.
Varios son os padexeiros da comarca que parten entre a terna de favoritos nas súas respectivas categorías, empezando pola parella composta polo pontevedrés Óscar Graña e o insular Ramón Ferro (Kayak Tudense) no C-2, que tentarán esquecer a mala fortuna en forma de choque con outra embarcación que lles acompañou no recente Europeo e que lles apartou da loita pola vitoria.
Tamén estarán na liña de saída do C-2 Tono Campos (Breogán do Grove) e o seu compañeiro José Manuel Sánchez, que triunfaron no Campionato de Europa en Portugal. Ambas as tripulacións deberán afrontar 23 quilómetros de percorrido co obxectivo de aumentar o seu xa extenso palmarés internacional.
O propio Tono Campos participará tamén na proba de canoa individual, na que aspira a todo.
Outro pontevedrés situado sempre entre os favoritos, no seu caso no K-2, é Álvaro Fernández Fiuza xunto ao asturiano Walter Bouzán. Ambos protagonizaron unha gran remontada no Campionato de Europa para levar a prata a pesar da rotura dunha pa nun dos porteos, e agora acoden a Sudáfrica para sacar a espiña e pelexar polo ouro. No seu caso, a proba de kaiak dobre contará con 30 quilómetros de percorrido.
Completará a expedición pontevedresa no Mundial de Maratón, en categoría sub-23 e senior, Tania Álvarez (Breogán do Grove) no K-2 xunto á súa compañeira Lucía Arquero.
A competición iniciarase o xoves 7 de setembro coas probas junior individuais e o K-1 sub23 feminino, para continuar o día 8 coas embarcacións dobres junior e as individuais masculinas sub-23. Pola súa banda, para a fin de semana quedan as regatas senior, o sábado 9 coas probas individuais e o domingo 10 coas dobres.
Relacionadas:
-
Os incansables Óscar Graña e Ramón Ferro, prata no Mundial de Sudáfrica
Por Redacción |
-
Tono Campos e José Manuel Sánchez revalidan o seu título de campións europeos de piragüismo maratón
Por Redacción |
-
Tono Campos e Jenifer Casal, primeiras medallas pontevedresas no Europeo de piragüismo maratón
Por Redacción |
-
Óscar Graña e Ramón Ferro agrandan a súa lenda co seu décimo título nacional de piragüismo maratón
Por Redacción |