Repite erros e decepciona o Pontevedra superado por un excelente Rápido de Bouzas (1-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Primeira e xusta rifa do ano en Pasarón. Claro que é demasiado pronto para extraer conclusións, pero moito terá que cambiar o equipo que adestra Luisito para devolver a confianza e a ilusión aos seus. Un recentemente ascendido e modesto como o Rápido de Bouzas sacou as cores ao equipo granate, que realizou un pobre partido repetindo erros xa coñecidos de falta de intensidade, escasa concentración defensiva, ausencia de dirección no campo e falta de acerto no remate.
Os vigueses xogaron ao que saben e fixérono de forma case perfecta, os granates resultou imposible saber a que xogaban. Cun primeiro tempo lamentable (sendo xenerosos) e un segundo no que, salvo cinco minutos de inspiración individual de Prosi, apenas xeraron xogo. O Bouzas deu a sorpresa. Fíxoo grazas á ilusión que puxo. A algúns dos granates alguén debería lembrarlles que non se gaña só coa camiseta. Se o sucedido serve de aviso e escarmento, benvido sexa, pero ao primeiro de vez a maxia de Pasarón, clave a pasada tempada, caeuse.
Como xa sucedese en Barreiro, o Pontevedra volveu saír durmido e cun enorme buraco defensivo, propiciado en gran parte por un centro do campo incapaz de facerse co control do balón. Por se non fose bastante, o Rápido de Bouzas gañaba aos granates en intensidade na disputa. A consecuencia inevitable foi que os vigueses comezaron mandando e adiantáronse no marcador nunha xogada das que poñería dos nervios a calquera adestrador. Foi tras un saque de esquina, tan horrorosamente defendido como perfectamente aproveitado o agasallo polos visitantes. Tres malos despexes e un rebote afortunado, deixaron a Diz co balón a poucos metros e con Edu como único opoñente. O dianteiro non perdoou.
Con todo, pouco durou a alegría ao Rápido. Case tras o saque de centro o seu defensa seguía festexando e Mouriño recibiu un gran pase interior. Interpuxo o corpo para protexer o balón, esperando a chegada de Junior, que literal e imprudentemente atropelouno. O claro penalti transformouno David Añón con seguridade, enganando a Brais.
O Rápido seguiu coa súa proposta valente, pero o partido xa era outro. O Pontevedra mantiña a súa fraxilidade defensiva, pero agora xa tiña máis balón que o seu rival. E puido adiantarse no marcador aos 15 minutos. Etxániz foise só facía Brais, pero non puido superar ao porteiro visitante no man a man, estrelando o remate nos seus pés.
Preto da media hora tentouno Mouriño cunha falta desde a frontal, obrigando o meta vigués a empregarse a fondo para mandar o colocado disparo a corner. Pouco despois sería Etxániz, cun duro e colocado disparo desde fóra da área, respondendo novamente Brais.
Claro que o Bouzas xa había visto que aos locais se lles descosían as costuras con facilidade, especialmente pola banda dereita defensiva, e pouco faltou para que de novo marcasen. Unha sensacional parede entre David e Pablo Carnero descubriu as vergoñas dos centrais e Edu tivo que intervir mandando a corner o envelenado remate de David, que buscaba o segundo pau.
Luisito moveu ficha no descanso. Dando entrada a Prosi por Carlos Ramos, adiantando a Álex Fernández á medular e cambiando o ineficaz 3-4-1-2 por un máis clásico 4-3-3, con Mouriño acompañando a Etxániz e Añón na esquerda do ataque. Pero aquilo seguía sen funcionar. O Pontevedra xa tiña máis posesión, pero non creaba perigo.
O seguinte movemento do técnico de Teo pretendía aproveitar que Junior estaba amoestado, dando entrada a Álex González para tentar encarar ao lateral visitante, pero Borja Jiménez viu a manobra e respondeu metendo no campo a Adrián, querendo aproveitar o perfecto coñecemento que este podía ter da forma de xogar do habilidoso extremo.
O que veu logo resulta complicado de crer e posiblemente bata un record mundial. En apenas dous minutos (do 66 ao 68) Prosi atoparíase coa madeira ata en tres ocasiones. Primeiro nunha falta lateral que mandou á cruceta. Despois nun corner directo co mesmo destino e por último cun disparo desde a frontal que fixo tremer o traveseiro.
Perdoara o Pontevedra e o Rápido recompúxose, tanto que cada corner que lanzaban os vigueses (e forzou moitos) era un tormento para unha defensa insegura e impropia para a categoría. Avisou primeiro por medio de Deivid, que non soubo aproveitar un novo agasallo, mandando o balón desviado, pero a "empanada" local non desaparecía e nun corner botado por Deivid, Pablo Trigueros adiantouse no primeiro pau, sen ninguén que lle estorbase, para rematar de cabeza á rede.
Foi a estocada definitiva e xusta. Quedaban 10 minutos máis o desconto, pero os granates foron incapaces de xerar unha sóla ocasión para polo menos empatar. O Rápido tivo puntualmente a fortuna como aliada, pero foi mellor de longo, en actitude, en concentración e ata en oficio. É pronto, pero os de Luisito terán que cambiar moito ou a tempada ameaza con facerse insoportablemente longa.
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Miguel Ángel, David Castro, Mongil, Bruno (Marcos Álvarez, minuto 76), Kevin Presa, Mouriño (Álex González, minuto 58), Álex Fernández, Etxániz, Carlos Ramos (Prosi, minuto 46) e David Añón.
RÁPIDO DE BOUZAS (2): Brais; Junior (Adrián, minuto 59), Cotilla, Christian, Pablo Trigueros, Caba (Ruxy, minuto 78), Deivid, Sielva, Pablo Carnero, Diz (Pedro García, minuto 69) e David.
Árbitro: Carlos Fernández Buergo (Asturias), auxiliado nas bandas por Raúl Martínez Nosti e Gonzalo Ladreda Mochales. Amoestou a Carlos Ramos, David Castro e David Añón, no Pontevedra, e a Junior, Sielva, David e Caba, no Rápido de Bouzas.
Goles: (0-1) Minuto 11: Diz. (1-1) Minuto 12: David Añón, de penalti. (1-2) Minuto 80: Pablo Trigueros.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.000 espectadores. Antes de comezar o partido a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, fixo entrega dunha camiseta ao xogador Adrián Gómez, actualmente no Rápido de Bouzas, en agradecemento aos seus moitos anos defendendo as cores granates como xogador e capitán do equipo.
Relacionadas:
-
O Pontevedra entra en "depresión profunda" sufrindo en Cerceda a súa cuarta derrota consecutiva (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Reacción obrigada no terceiro derbi da tempada
Por Diego Espiño |
-
O dianteiro Jesús Berrocal, novo xogador do Pontevedra por dúas tempadas
Por Diego Espiño |
-
A Gimnástica Segoviana apea da Copa pola vía rápida a un Pontevedra de chiste (2-0)
Por Redacción |
-
A Copa do Rei, oportunidade para recobrar a confianza
Por Diego Espiño |
-
O Rápido de Bouzas, primeiro escollo no fortín de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Mala posta en escena do Pontevedra que paga coa derrota os seus erros ante o Celta B (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
O Pontevedra ficha ao atacante Iván Martín pero non dá por pechado o plantel
Por Diego Espiño |