O primeiro partido de liga en Pasarón, a golpe de sábado
Por Redacción
O Pontevedra Club de Fútbol deu a coñecer o horario da segunda xornada de liga, primeira que disputará como local e na que recibirá ao Rápido de Bouzas no segundo derbi galego da tempada.
Do mesmo xeito que o acontencido con algúns dos últimos encontros da pasada campaña, incluído o play-off de ascenso ante o Real Murcia, o club granate cambiará o seu horario habitual adiantando o choque ao sábado.
Desta forma o debut oficial do primeiro equipo pontevedrés ante a súa afección, no Estadio Municipal de Pasarón, producirase o sábado 26 de agosto ás 20:30 horas.
Antes desta cita o Pontevedra afina estes días a súa posta a punto ante o inminente inicio da competición, o vindeiro domingo 20 no Municipal vigués de Barreiro ante o Celta B.
Despois dunha pretempada en clave positiva, na que só cedeu ante o Sporting de Segunda División e o Deportivo da máxima categoría, os de Luisito confían con confirmar as súas boas sensacións, que lles levaron a encaixar un só tanto no resto de partidos amigables.
O que non estará nestas dúas primeiras xornadas será o propio Luisito, xa que o técnico arrastra unha sanción de dous encontros pola expulsión que sufriu na Nova Condomina de Murcia no último choque da fase de ascenso.