Pontevedra acollerá a gala de entrega dos V Premios ao Deporte Feminino de Galicia
Por Redacción
A finais do próximo mes de setembro, a cidade de Pontevedra acollerá a gala de entrega da quinta edición dos Premios ao Deporte Feminino de Galicia, galardóns que concede anualmente a Asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá).
Será en colaboración coa Deputación de Pontevedra, que organizará o evento.
Con este acto preténdese lograr a visibilidade do deporte feminino e conseguir que os éxitos do deporte feminino teñan o mesmo recoñecemento que os éxitos masculinos.
O prazo de recepción de candidaturas está aberto dende este xoves 10 de agosto e finalizará o próximo 1 de setembro e poden presentar propostas federacións, concellos, institucións, medios de comunicación, clubs e persoas a nivel particular.
Posteriormente estas candidaturas serán analizadas por un xurado que será o encargado de decidir a quen se lle outorgan os premios.
Os doce premios recoñecerán á mellor deportista, á mellor deportista con discapacidade, á mellor deportista promesa, ao mellor adestrador/a do deporte feminino, ao mellor equipo, á mellor árbitro ou xuíza, á mellor directiva, ao medio de comunicación amigo do deporte feminino, á institución pública é á entidade privada que mellor apoie o deporte feminino ou á mellor iniciativa a prol do deporte feminino.