Natalia García ofrecerá unha masterclass de ximnasia rítmica en Marín
Por Redacción
Nenas a partir de sete anos poderán aprender da que, actualmente, é a mellor ximnasta rítmica española, a catalá Natalia García. Será a protagonista dunha intensa masterclass que se celebrará os días 30 de setembro e 1 de outubro en Marín.
A actividade, organizada polo club In Mare, xirará ao redor das dificultades corporais e o manexo dos diferentes aparellos empregados en ximnasia rítmica.
As prazas para asistir a esta masterclass son limitadas e reservaranse por rigorosa orde de inscrición, en sesión independente de mañá e tarde o sábado 30 e dobre sesión de mañá e tarde o domingo 1.
Natalia García é unha das ximnastas máis carismáticas dos últimos anos no panorama da rítmica internacional, grazas á súa simpatía, a súa excepcional calidade técnica e a súa capacidade de conectar co público. Leva desde 2005 no máximo nivel internacional.
É a número uno da selección nacional, gañadora de varias medallas en campionatos de España de ximnasia rítmica e participou en múltiples campionatos europeos e do mundo.
As inscricións pódense realizar a través da páxina web do club In Mare.
Esta actividade incluirá unha exhibición final, que comezará o domingo 1 de outubro ás 19:30 horas, na que actuará Natalia García, as ximnastas do club anfitrión e outras dez ximnastas que por sorteo serán elixidas de entre as participantes no curso.