Unha travesía a nado unirá en setembro a illa de Sálvora con Vilagarcía
Por Alejandro Espiño
Un total de 28 quilómetros a nado. É o percorrido que terán que completar os 114 nadadores que participarán o próximo 2 de setembro nunha travesía que se celebrará entre a illa de Sálvora e Vilagarcía de Arousa.
Trátase da terceira proba da denominada Tripla Coroa Illas Atlánticas, unha das competicións máis longas e esixentes do continente europeo.
Na súa última travesía, esta competición renderá homenaxe ás embarcacións tradicionais galegas e mostrará a riqueza cultural, patrimonial e marítima da ría de Arousa coa participación de galeóns e dornas do Grove, a Illa e Carril.
Durante o percorrido estableceranse seis controles e avituallamentos cada catro quilómetros, que serán de obrigado paso para os nadadores e onde poderán comer e beber para repoñerse do esforzo. Nestes controis de paso estarán fondeadas seis embarcacións tradicionais: dúas con base no Grove, tres galeóns da Illa e un galeón de Carril.
No quilómetro 4 do percorrido, á altura de faro de Pombeiriño, estará o Chasula, antigo barco de pesca de 14 metros e hoxe convertido en embarcación dedicada a distintas actividades como rutas guiadas e avistamento de aves mariñas.
Catro quilómetros despois, no 8, estará a dorna Meca con base no Grove; e nos quilómetros 12, 14 e 16 da travesía estarán fondeados os galeóns da Illa, Komaira, Adelino Manuel e O Rei do Mar.
O paso pola ponte da Illa será, sen dúbida, o momento máis espectacular da travesía, no que os nadadores estarán acompañados ademais por sete dornas. O público poderá seguir o espectáculo desde a ponte e animar aos participantes. Está previsto que pasen por este tramo entre as 13:00 e as 14:30 horas, aproximadamente.
Finalmente, no quilómetro 24 da travesía, o último punto de control e avituallamento á altura do porto de Vilaxoán estará o galeón Cortegada, de Carril.
Un total de 114 nadadores (107 homes e 7 mulleres) con idades comprendidas entre os 20 e os 69 anos de catorce comunidades autónomas españolas, Portugal e Arxentina participarán na terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas.
Os nadadores sairán da praia do Almacén en Sálvora ás 8:45 horas da mañá en catro grupos e espérase que os nadadores máis rápidos cheguen a meta sete horas despois, aínda que as inclemencias meteorolóxicas poden provocar atrasos dunha hora ou dúas horas ao deportista.
A dirección de carreira calcula que os últimos participantes que cheguen a meta completarán o percorrido nunhas dez horas.
No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitisen a saída desde Sálvora, a organización ten previsto un percorrido alternativo de 20 quilómetros con saída e chegada en Vilagarcía de Arousa.
A Tripla Coroa Illas Atlánticas é a proba de natación máis dura de España. Trátase dun reto de carácter competitivo que consiste en tres probas de natación cun percorrido total de 57 quilómetros que se disputan entre 2015 e 2017 en augas das Rías Baixas. Cada unha delas sae dunha illa do Parque Nacional: Ons, Cíes e Sálvora, respectivamente.
A primeira das tres coroas, de 13 quilómetros, tivo lugar en 2015 entre a illa de Ons e Sanxenxo cun total 135 participantes de toda España e Portugal. A segunda, en setembro de 2016, tivo como punto de partida a praia de Rodas, nas illas Cíes, e terminou na praia de Ribeira, en Baiona, con 16 quilómetros de percorrido.
Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España e Europa.
Relacionadas:
-
Aprazada a 2021 a travesía a nado entre Ons e Combarro polo coronavirus
Por Redacción |
-
O vento obriga a recortar a travesía a nado entre Sálvora e O Grove: Kimbo Vallejo e Andrea de las Heras, gañadores
Por Redacción |
-
Hugo Ribeiro e Rebeca Santos, vencedores da travesía a nado entre Sálvora e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Máis dun cento de nadadores para o reto final da Tripla Coroa Illas Atlánticas
Por Redacción |