Medio cento de pilotos estrearán a subida automobilística de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Medio cento de pilotos competirán cos seus respectivos vehículos na primeira edición da Subida Cerdedo-Cotobade, que se celebrará na fin de semana do 26 e 27 de agosto.
A proba, organizada pola Escudería Cidade de Pontevedra, repartirá 7.000 euros en premios nas 16 categorías habilitadas.
Esta subida proba foi presentada este martes no consistorio de Carballedo coa presenza do presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o vicepresidente, José Balseiros; o concelleiro de Deportes, Bruno Portela; e o presidente da escudería, Florentino Eiro; entre outros.
Esta competición, que mantén aberto o prazo de inscricións ata o vindeiro 23 de agosto, contará con catro mangas oficiais que se distribuirán entre a tarde do sábado 26 e a mañá do domingo 27.
O percorrido, que contará co parque pechado de encontro na Chan, será de 3.610 metros que discorrerán pola estrada EP-0401 entre Carballedo e Corredoira, o que garante unha gran espectacularidade e beleza pola existencia dun trazado sinuoso e dunha paisaxe de monte moi propia do territorio.
Cubela quixo agradecer o "enorme esforzo e traballo" da escudería pontevedresa por sacar adiante esta novidosa proba e tamén por achegar o mundo do motor ata o termo municipal.
Ademais, asegurou que a organización conta co "total apoio" do Concello e garantiu que, se se cumpren as exitosas previsións, haberá futuras edicións para tratar de consolidar a subida no calendario galego nun municipio que ten "moita tradición e relación" co mundo do motor.