David Daporta e Nerea Alvite, vencedores da II Travesía a Nado de Raxó
Por Redacción
A segunda edición da Travesía a Nado Concello de Poio xa ten gañadores. David Daporta e Nerea Alvite foron os máis rápidos, en categorías masculina e feminina respectivamente, en completar os 2.000 metros de percorrido polo litoral de Raxó.
Preto de 200 nadadores participaron nesta proba deportiva, que partiu da praia de Xiorto e, seguindo toda a costa, chegou ata As Sinás antes de regresar ao areal.
David Daporta chegou a meta tras 30 minutos e 55 segundos nadando. Foi oito segundos máis rápido que o segundo clasificado, Jesús Carlos Quintás. O podio completouno Adrián Campaña, que completou o percorrido en 32 minutos e 5 segundos.
En categoría feminina, o triunfo foi para Nerea Alvite cun tempo de 32 minutos e 15 segundos. Apenas tivo rival, xa que o segundo posto foi para Eva Hidalgo, que entrou a 3 minutos e 28 segundos da gañadora. Terceira foi Sandra Vidal, con 36 minutos e 56 segundos.
A travesía tamén incluíu probas para nadadores de categoría alevín e cadete, que percorreron 150 e 500 metros a nado, respectivamente.
En alevín, os gañadores foron Nicolás Vázquez e Iria Lemos; mentres que en cadete impuxéronse José María Villaverde e Antía Ortefo.