Carmen Gómez, satisfeita coa súa participación no Europeo sub-23 de tríatlon
Por Alejandro Espiño
A pesar das molestias físicas que arrastra desde hai un tempo, a pontevedresa Carmen Gómez Cortés asegura estar satisfeita do seu rendemento no Campionato de Europa sub-23 de tríatlon, que se celebrou este sábado en Velence (Hungría).
Gómez Cortés, unha dos catro representantes galegos nestes campionatos, finalizou en décimo sétima posición, por detrás das súas compañeiras Camila Alonso e Inés Santiago, que foron décima e undécima, respectivamente.
A proba finalmente tivo que disputarse en distancia sprint ante as altas temperaturas da cidade húngara. A auga estaba a máis de trinta graos e o ambiente era asfixiante, polo que recortou a proba para garantir a seguridade dos deportistas.
Tras dous bos segmentos de natación e ciclismo, Carmen Gómez Cortés sufriu na carreira a pé. Ela mesma recoñece que "fixen o que puiden" despois de máis de dous meses sen poder adestrar a proba a pé polas molestias físicas que arrastra.
O título foi para a británica e gran favorita Georgia Taylor-Brown. A triatleta pontevedresa entrou no posto 17 cun tempo de 01:06:28, a catro minutos e medio da gañadora.