Fiuza agranda a súa lenda no Sella e vence, xunto a Walter Bouzán, por oitavo ano consecutivo
Por Alejandro Espiño
O pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza segue agrandando a súa lenda no Descenso do Sella, unha das competicións deportivas con maior tradición do piragüismo español. Xunto co seu compañeiro, o asturiano Walter Bouzán, proclamouse campión desta proba por oitavo ano consecutivo.
A parella astur-galega cumpriu así co seu papel de favoritos na 81 edición deste descenso internacional, que se celebrou este sábado entre as localidades asturianas de Arrionda e Ribadesella e na que participaron 1.300 padeeiros de 23 países.
Fiuza e Bouzán impuxéronse nos metros finais ao K-2 de Emilio Merchán e Leonel Ramalho, que foron segundos. O podio completouno o dúo formado polo cántabro Julio Martínez e o leonés Julián Becerro.
Foi un dos Descensos do Sella máis emocionantes que se lembran con ata cinco embarcacións loitando pola vitoria case ata o final.
Os primeiros quilómetros da proba estiveron dominados por Martínez e Becerro, que superou ao dúo astur-galego nada máis comezar o descenso. Pero á altura da Requesada produciuse a primeira substitución e Merchán e Ramalho puxéronse na cabeza.
Todo apuntaba a unha vitoria destes últimos, pero o porteo que fixeron na illa da Boticaria foi clave no triunfo de Álvaro Fernández Fiuza e Walter Bouzán.
A pesar de que foron os últimos en coller a súa piragua coas mans para percorrer a pé a illa, un tropezóns que sufriron os, ata ese momento, líderes da carreira ao subir de novo á embarcación permitiu ao padeeiro pontevedrés e ao seu compañeiro coller uns metros de vantaxe que, na recta final da proba, resultaron insalvables para os seus rivais.
Fernández Fiuza e Bouzán lograron o seu oitavo Descenso do Sella consecutivo tras cruzar a liña de meta nunha hora, sete minutos e trece segundos.
"Tivemos a sorte do campión", recoñeceu o propio Fiuza en declaracións á televisión pública asturiana tras o final da proba. "O oitavo Sella é un verdadeiro soño. Hai que gozalo", sinalou.
Ademais, o pontevedrés deixou a porta aberta a regresar a esta proba. "Se Walter quere, seguiremos. Aínda que foi un Sella que o pasamos mal. Non sabemos onde está o teito. Tras o Mundial, veremos se seguimos", dixo.