Bueu felicita a Natalia Castro polos seus éxitos deportivos no tríatlon e na natación
Por Redacción
Aos seus quince anos, Natalia Castro é unha das deportistas galegas de maior proxección e Bueu está orgulloso de que sexa unha das súas veciñas. Así, o goberno municipal organizou unha recepción para felicitala polos seus éxitos deportivos nesta tempada.
No acto, celebrado no salón de plenos da casa consistorial, fíxoselle entrega dun diploma e duns agasallos institucionais polos seus resultados no eido do acuatlón e do tríatlon.
Natalia Castro pertence ao Club Natación Galaico e ao Club Triatlón Motobike Galaico, cos que ten colleitado moitos éxitos deportivos. Neste senso, o edil de Deportes, Manolo Otero, falou de Natalia como "unha promesa á que é de recoñecer o seu traballo persoal".
O alcalde, Félix Juncal, salientou que "é unha deportista moi importante para Bueu, que vive o deporte dende dentro".
Baixo a categoría de cadete, na tempada 2016-2017 foi campioa galega do circuíto Corre e Nada, campioa galega de acuatlón, subcampioa galega de tríatlon, acadou o oitavo posto no Campionato de España de Acuatlón e foi sétima no Campionato de España de tríatlon por relevos de comunidades autónomas.
Así mesmo, no mes de marzo foi convocada pola Federación Española de Tríatlon para o Encontro Nacional Iberdrola Gestión del Talento de Valladolid por situarse entre as oito mellores do ranking de España na súa categoría.
No Campionato Galego de Natación de Inverno acadou o segundo posto en 4x100 libres e no Campionato Galego de Natación de Verán fíxose co terceiro posto en 4x100 estilos e nos 4x200 libres.