O Cidade de Pontevedra comezará a liga na casa contra o Futsi Atlético Féminas
Por Redacción
Xa hai calendario para a Segunda División Nacional de fútbol sala. Un sorteo na Real Federación Española de Fútbol determinou que o representante local na liga, o Cidade de Pontevedra, comezará a liga en casa o próximo 16 de setembro. O seu rival será o conxunto madrileño do Futsi Atlético Féminas.
Dáse a circunstancia que o Poio Pescamar comezará a liga en Primeira División contra o primeiro equipo do Futsi, o mesmo día e tamén en casa.
O primeiro desprazamento do Cidade de Pontevedra será tamén a Madrid, neste caso a Alcorcón o 23 de setembro (xornada 2); mentres que o seguinte partido en casa será tamén fronte a outro conxunto madrileño, o Tres Cantos, o 30 de setembro (xornada 3).
No grupo IV da Segunda División, o club pontevedrés compartirá competición con outros tres equipos galegos: o Viaxes Amarelle da Coruña, o Fisober de Muxía e O Pirata de Moaña.
Fronte a O Pirata, o primeiro dos derbis, enfrontarase en Moaña o 7 de outubro (xornada 4), mentres que os outros dous serán o 11 de novembro (xornada 8) contra o Viaxes Amarelle na Coruña e o 18 de novembro (xornada 9) contra o Fisober en Pontevedra.
O Cidade de Pontevedra pechará a primeira volta o 13 de xaneiro co partido contra o equipo madrileño do Colmenarejo. Será a domicilio. As pontevedresas acabarán a liga en casa contra o mesmo equipo o 26 de maio.
O calendario completo pódese consultar nesta ligazón.
A pretemporada do Cidade de Pontevedra comezará o próximo 10 de agosto no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe.