Lucía Vázquez, segunda na Copa de Portugal XCM tras o seu bo resultado en Seia
Por Redacción
A ciclista galega Lucía Vázquez, vixente campioa de Galicia elite de cros country maratón (XCM), meteuse de cheo na loita pola Copa de Portugal tras lograr a segunda posición na Maratona de Seia, cuarta e penúltima cita puntuable para este campionato.
Co seu mellor resultado do ano neste certame, a vilaboense sitúase segunda na xeral, a 50 puntos da líder.
A biker asegura que "non me esperaba facer tan boa carreira. Foi un mes moi complicado. Entre a lesión e que tiven moito traballo, adestrei pouco e estou moi baixa de forma". Con dúbidas sobre se "podería completar a carreira", Vázquez afrontou a carreira máis esixente de toda a Copa de Portugal.
Desde o inicio dos 65 quilómetros de percorrido, con case 2.000 metros de desnivel positivo acumulado, a corredora do ProRebordosa situouse segunda.
"Notei boas pernas e empecei a motivarme", apunta a pontevedresa, que tivo que superar momentos críticos como a subida a Serra da Estrela "durísima, con moita calor e pouca sombra. Non podía máis polo cansazo e temín que me collesen por detrás, pero a distancia era grande".
Vázquez chegou a alcanzar e mesmo a superar na cabeza da proba a Ana Antunes. Tras rodar durante uns quilómetros en primeira posición, non puido responder o contraataque da corredora lusa. Finalmente, Antunes impúxose con 5 minutos de vantaxe sobre a galega e o podio completouno Flávia Lopes (Vouzela).
Grazas aos 250 puntos sumados en Seia, a biker de Vilaboa ascende do cuarto ao segundo posto da xeral. Flávia Lopes lidera con 50 puntos de marxe unha clasificación que se resolverá o 24 de setembro na Azores Marathon.
Relacionadas:
-
Lucía Vázquez renuncia ao resto da tempada por lesión
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez, terceira no descenso urbano de Sarria
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez e Mauro González reinan no espectáculo do BTT 'Eliminator'
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez e Manuel Parada, vencedores no Open Galicia de XCO de Sanxenxo
Por Redacción |