Antía Chamosa logra un meritorio sétimo posto nos 10 quilómetros marcha do Europeo Junior
Por Redacción
O Campionato de Europa Junior de Atletismo deu este xoves o seu pistoletazo de saída na localidade italiana de Grosseto coa competición dos 10 quilómetros marcha en categoría feminina, proba na que participaba Antía Chamosa.
A atleta cuntiense, actualmente nas filas do Club Atletismo Valladolid, mostrou un gran nivel para concluír nun meritorio sétimo posto.
Chamosa rebaixou en máis de dous minutos o seu mellor marca da tempada en pista cun tempo de 49:08.52, quedándose a pouco máis de 30 segundos do podio continental.
A vencedora dos 10 quilómetros marcha foi a rusa Yana Smerdova (47:19.69), coa alemá Teresa Zurek na segunda posición (47:33.20) e a turca Meryem Bekmez na terceira (48:33.88). Pola súa banda as españolas Marina Peña e Irene Montejo concluíron na cuarta e quinta posición respectivamente.
En canto a Antía Chamosa, a atleta adestrada por José Antonio Pardal confirma a súa progresión na categoría poucos días despois de lograr o subcampionato nacional en Granollers.