Novo formato para a carreira popular de Ponte Caldelas
Por Redacción
Novo percorrido, novo nome, pero mesmo espírito. A carreira popular pola que Ponte Caldelas apostara para promocionar o seu paseo fluvial cambia de denominación e formato.
Baixo o novo nome de 'Urban Blue Run', a proba contará cun percorrido mixto de asfalto e terra (5.000 metros) polo paseo fluvial da Calzada e polo sendeiro azul, todo aproveitando as beiras do río Verdugo.
"Non é nin unha carreira tradicional por asfalto nin un trail, senón as dúas cousas", recalcou o alcalde, Andrés Díaz, tras reunirse coa organización da proba, a empresa Global DxT.
Desta forma a carreira popular aposta por distinguirse doutras citas similares.
A 'Urban Blue Run' celebrarase o sábado 19 de agosto a partir das 20:00 horas para as categorías inferiores e a partir das 20:30 horas para os adultos.
O custo de inscrición, que pode formalizarse na web www.emesports.es, estableceuse en 3 euros para as categorías inferiores e en 8 euros para os atletas junior, promesa, senior e veteranos.