Lierni Lekuona, gañadora dun emocionante Trofeo Ría de Marín de ciclismo
Por Redacción
A emoción do mellor ciclismo feminino regresou a Marín este sábado coa disputa dunha vibrante terceira edición do Trofeo Ría de Marín. A vitoria na proba, disputada sobre un duro percorrido de 123 quilómetros con final no alto do Lago de Castiñeiras, foi para a corredora vasca Lierni Lekuona.
A corredora guipuscoana do equipo Bizkaia-Durango logrou impoñerse por diante da súa compañeira de equipo Lourdes Oyarbide, coa que compartiu escapada ata que a falta de dous quilómetros para o final comezou a abrirse oco entre elas.
A carreira, moi diferente ás do resto da tempada en canto ao seu desenvolvemento, comezou cunha temperá escapada de seis corredoras, aínda que a sorte da proba xogábase no grupo perseguidor de once corredoras, no que se meteron Lekuona e Oyarbide.
Este grupo, ao que se engadiu o pelotón xuvenil, terminou cazando á escapada. Mentres tanto, por detrás, o grupo principal perdía xa tres minutos.
O grupo traseiro continuou sen entenderse e ao comezo do penúltimo porto, Pastoriza, a vantaxe da numerosa escapada contaba xa cunha marxe de cinco minutos. Foi no alto da subida cando comezaron as hostilidades, cun movemento de Oyarbide que logrou abrir oco e ao que se uniu rapidamente Lekuona.
Desde ese punto a súa vantaxe no descenso non fixo máis que incrementarse, e xa na subida final ao duro Alto de Castiñeiras o ritmo de Lekuona foi superior, marchando en solitario.
En meta, a vencedora foi Lekuona, con Oyarbide segunda, a 1:08, e Alba Teruel (Lointek) terceira, a 2:19.
Mavi García, que entrou na meta minutos despois, proclamouse vencedora da clasificación xeral da Copa de España Cofidis, éxito que se suma á clasificación por equipos e á da montaña, tamén en mans de García, mentres que Alicia González, que entraba inmediatamente despois da balear, levaba o triunfo final das sub23.
En canto ás júniors, Sara Martín (Sopela Ugeraga) repetía o triunfo de 2016, pero esta vez con maior autoridade: con 3:57 sobre Maialen Aramendia (CAF Turkney Engenering) e 4:05 sobre Ariana Gilabert (Catema.cat).