Cinco minutos abondaron ao Pontevedra para dobregar (0-2) o Bergantiños nun partido práctico pero sen brillo
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Se o fútbol houbese que xulgalo e valoralo polo presenciado na primeira parte do partido entre Bergantiños e Pontevedra, aos pouco máis de cen espectadores presentes nas bancadas habería que preguntarlles se estaban alí por masoquismo ou quizais porque en lugar de pagar eles unha entrada cobraban coma se de "extras" cinematográficos se tratase. Polo menos aos máis pequenos quedoulles o consolo de poder ver de preto ao seu ídolo, o deportivista Juan Carlos Valerón, que non negou foto, autógrafo e sorriso a todo aquel que se lle achegou.
Foi o único destacable duns primeiros corenta e cinco minutos que resultaron un bodrio insufrible. Apenas unha acción de relativo perigo por parte do Pontevedra, tras unha falta lanzada por Jacobo que Pablo non alcanza a dirixir entre os tres paus, e pare vostede de contar. Se Bergantiños e Pontevedra xogaban unha especie de final para as súas respectivas aspiracións non o parecía.
O empate condenaba a ambos os dous, pero coma se tal cousa. Aquel "pestiño" no que ninguén daba dous pases seguidos nin con criterio tivo unicamente como feito salientable a desgraciada lesión de Moisés, que nunha mala caída houbo de abandonar o terreo. Pero o que parecía ser un revés para o Pontevedra, converteuse finalmente nunha das claves do partido. O canterano Emilio entraría no campo e sen que lle pesase a responsabilidade, remataría sendo o xogador máis destacado do partido, levando a batuta dos pontevedreses na zona ancha, cortando e distribuíndo con criterio en todas as súas accións, ademais de protagonizar a xogada clave do partido, na que resultou agredido por Ekedi.
A expulsión de Ekedi e o gol de David Pérez nos cinco primeiros minutos do segundo tempo foron claves
Pero se a primeira parte sobrou, os cinco primeiros minutos da segunda ofreceron máis que todo o período inicial. O Pontevedra saíu envorcado sobre a área rival. En apenas dous minutos chegou tres veces con perigo sobre o portal de Varela. Logo a estupidez de Ekedi e o acerto de David Pérez, culminando unha excelente entrega de Javi Pazos fixo o resto.
Con vantaxe no marcador e superioridade numérica, non obstante, o Pontevedra xogou con lume. O Bergantiños tirou de coraxe e Pablo tivo que sacar baixo paus un remate de Josiño. Aos tropezóns pero os locais buscaban aire coa vista posta nunha remontada que lles permitise seguir soñando coa salvación. Foi en van. Mentres o Bergantiños mostraba as súas carencias nun terreo sintético en horrorosas condicións, Milo buscaba no fondo do armario a forma de sentenciar. Encontrouna en Buba, que no primeiro balón que tocou puido facer o segundo, ao plantarse só ante Varela, que salvou cos pés.
Non fallaría o mesmo Buba pouco despois, no último minuto, culminando unha excelente acción de contraataque montada por Adrián. Aínda habería tempo para un último susto no desconto, cunha falta lanzada por Gonzalo que remata no fondo da portaría, pero a acción foi invalidada por claro fóra de xogo.
Final e tres puntos sen brillo pero transcendentais para seguir na loita, ao ronsel de Compostela e Deportivo B.
BERGANTIÿOS, C.F. (0): Varela (2); Chechu (2), Diego Peña (1), Sergio (1), Tomás (1); Julio Bayo (1), Toni (0); Josiño (1), Alexandre (1), Álex Figueiras (0); e Ekedi (0).
Substitucións: Iván Amor (1) por Álex Figueiras, minuto 55. Gonzalo (1) por Alexandre, minuto 63. David García (s.c.) por Tomás, minuto 77.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Lloves (2); Cristóbal Juncal (0), Yago Vázquez (1), Pablo (1), Adrián (2); Tubo (1), Moisés (s.c.), Jacobo (2), David Pérez (2); Stefan (1) e Javi Pazos (1).
Substitucións: Emilio (3) por Moisés, minuto 15. Buba (2) por Javi Pazos, minuto 77. Tomás (s.c.) por Tubo, minuto 84.
Árbitro: Álex Botana Rey (Santiago), auxiliado nas bandas por Quintela Baluja e Calvelo Iglesias. Expulsou a Ekedi (minuto 48) por dar un golpe nun salto a Emilio. Amoestou a Josiño, Chechu, Gonzalo, David García, Emilio e Tomás.
Goles: (0-1) Minuto 50: Gran apertura de Javi Pazos para a chegada de David Pérez que entra na área e solta un disparo duro a media altura ante o que nada pode facer Varela. (0-2) Minuto 89: Contraataque de manual levado por Adrián Gómez quen serve para Buba e este solta un disparo raso e cruzado coa esquerda que supera ao meta local.
Incidencias: Campo de As Eiroas (Carballo). Pouco máis dun centenar de espectadores. Presenciou o partido o xogador do Deportivo, Juan Carlos Valerón, que atendeu con amabilidade a todos os afeccionados que lle solicitaron o seu autógrafo ou quixeron facerse unha foto con el.
VESTIARIOS:
JAVI LAVANDEIRA: Resignado estaba o técnico local: "A verdade é que o resultado do outro día en Narón nos fixo moito dano e con esta derrota practicamente estamos condenados ao descenso. O equipo hoxe deu outra imaxe, a pena é que non a haxa dado cando a tiña que dar. Aguantamos o que puidemos, pero a expulsión, que foi unha parvada do noso xogador, foi fundamental. O Pontevedra xogando contra dez tivo espazos que antes non había. Agora temos que ter calma, tranquilidade. Sabiamos que ía ser difícil e debemos seguir apostando por rapaces desta zona e se teñen que xogar nunha categoría inferior tamén crecerán nela".
Javi Lavandeira: "Non podo poñelo ningún pero ao marcador, en todo caso ao meu xogador pola parvada que fixo na expulsión"
Non deixaba de recoñecer que a vitoria do Pontevedra fora xusta: "Non, non, para nada, o resultado foi absolutamente xusto. Non podo poñelo ningún pero ao marcador, en todo caso ao meu xogador pola parvada que fixo na expulsión".
MILO ABELLEIRA: A vitoria non impediu que Milo recoñecese o mal xogo do primeiro tempo: "Tes toda a razón, a primeira parte foi moi mala e fixemos máis nos cinco primeiros minutos da segunda que en todo o anterior. Os nosos dianteiros nese primeiro tempo non estiveron acertados nos controis que facían para deixala de cara, pero logo empezaron a combinar ben, abrindo a bandas, o que nos fixo saír mellor e que ademais, coa axuda da expulsión xa chegamos con máis claridade,".
"ÿ verdade que despois do noso primeiro gol o rival nos creou algúns problemas, pero tamén penso que debemos sentenciar antes. Yago e Pablo tiveron máis problemas que noutros partidos, pero o importante é que nos levamos os tres puntos, e que no conxunto do partido creo que fomos bastante superiores. Emilio fíxoo moi ben, tanto en defensa coma co balón, que o xogou con moito criterio. A partir de agora, os oito partidos que quedan son finais".