Bos resultados de Ciudad de Pontevedra, Naval, Breogán e Vilaboa no Descenso do Miño en Ourense
Por Redacción
A 49ª edición do Descenso do Miño en Ourense, disputada este sábado, rexistrou a vitoria por equipos do Club de Mar Ría de Aldán, e uns excelentes resultados para a E.P. Ciudad de Pontevedra (segundo por equipos), Club Naval de Pontevedra (primeiro e segundo en K-1 home senior cos irmáns Iago e Breogán Monteagudo), Piragüismo Vilaboa (gañador en K-2 home senior con Brais Sánchez e Antonio Palmás) e Breogán do Grove (primeiro e segundo en C-1 home senior con Diego Romero e Adrián Fernández).
En mulleres destacar tamén o segundo posto en K-1 senior de Carla Sieiro (Piragüismo Poio) e a vitoria en C-1 senior de Jénnifer Casal (E.P. Ciudad de Pontevedra).
Cun percorrido de 17 quilómetros entre Os Peares e a presa de Vellle en Oira, a regata puntuable para as ligas galegas, sénior, xuvenil, cadete e veterano tanto masculina como feminina, contou coa participación de máis de 500 padexeiros representando a 34 equipos.
A clasificación xeral de clubs tras a suma de todas as probas daba como gañador ao Club de Mar Ría de Aldan, con 1.281 puntos, ocupando o segundo posto o E.P. Ciudad de Pontevedra con 1.273, por diante do Club Náutico Pontecesures con 1.004 puntos.
En canto á clasificacións individuais ou por parellas un ano máis a dupla formada por Brais Sánchez e Antonio Palmás levaron o triunfo no K2 senior; a segunda posición levoulla a parella do Club Náutico Firrete de Antonio Rey e Santiago Cruz e o terceiro posto foi para Diego Piña e Sebastián Delgado do Club Kaiak Tudense.
No K2 muller senior as primeiras clasificadas foron Jésica Moledo e Noelia Moledo, do Ría de Aldán seguidas polas súas compañeiras de equipo as irmás Carmela e Araceli Menduíña, mentres a terceira posición foi para Natalia Guillán e Rebeca Pardo do Club As Torres.
O triunfo no K1 home senior foi para Iago Monteagudo do Club Naval de Pontevedra. Acompañáronlle no podio o seu compañeiro de equipo Breogán Monteagudo e Alberto Piqueiras do Piragüismo Viveiro.
Diego Romero do Breogán do Grove levou a medalla de Ouro en C1 home senior, segundo terminou Adrián Lameiro tamén do Breogán e terceiro Roi Baulde do Club As Torres.
Laura Pérez do Náutico Miño foi primeira en K1 muller senior, segunda chegou Carla Sieiro do Piragüismo Poio e María Alonso do Olívico foi terceira.
En muller canoa Jénnifer Casal do E.P.Cidade de Pontevedra levou a vitoria por diante de Raquel Rodríguez do Piragüismo Portonovo e Nerea Gondar do Piragüismo Poio.
A seguinte competición de liga será o vindeiro domingo día 2 de xullo coa celebración do Campionato Galego Sprint que se celebrará no encoro de Pontillón do Castro en Pontevedra.