Anxo, primeira fichaxe dun Arosa que empeza a tomar forma
Por Redacción
A bo ritmo avanza a planificación deportiva do Arosa para unha nova tempada, na que Jorge Otero repetirá como responsable técnico do primeiro plantel.
O club arlequinado anunciou este luns a súa primeira fichaxe, o de Ángel Vidal Pérez 'Anxo', futbolista que reforzará a banda esquerda do equipo.
Anxo, de 29 anos, militou a pasada campaña no Ribadumia tras o seu paso de dous anos polo Pontevedra Club de Fútbol, co que logrou o ascenso a Segunda División B.
Ademais, a comisión deportiva do Arosa pechou a continuidade de Sergio Lloves, Pablo Rivas e Sylla e confirmou o ascenso ao primeiro equipo de varios xuvenís, como son Aarón Santamaría, José María Pérez-Batallón e Ignacio Álvarez, ademais de recuperar a José Piñeiro tras estar cedido no Santiago de Compostela de División de Honra.
Con todos eles o plantel arosista empeza a tomar forma, ao unirse aos renovados Manuel Justo, Vitra, Fran Matos, Eloy Fariña, Suso e Julio Rey. Os que non seguirán a próxima campaña son Hugo Soto, Antón Vilas e Alberto Carballa, aos que o club lle concedeu a baixa.