O Nacional de Augas Abertas, un reto para o Club Natación Galaico
Por Redacción
Preséntase intensa a fin de semana para o Club Natación Galaico, con varias frontes abertas para os seus deportistas.
O principal deles será o Campionato de España de Augas Abertas que se disputa na localidade catalá de Banyoles. Alí o Galaico presentará un nutrido equipo no que destaca a presenza de Paula Goyanes, que parte con opcións de loitar polo triunfo na categoría junior 2 e de paso busca a clasificación para o próximo Campionato de Europa.
Ademais de Goyanes acoden á cita Cristian Fernández (Absoluto), Ramón Fernández (Infantil), Alejandro Torres (Junior-1), Pablo García (Infantil), Carla Goyanes (Junior-1) e Natalia Castro (Infantil).
Outra das frontes abertas esta fin de semana será o Open Comunidad de Madrid no que estará presente Bea Gómez Cortés, que nadará as probas de 100 braza e os 50 libre.
Ademais o Galaico estará presente este sábado no Trofeo Pedro Escudeiro, en Ourense, cun equipo de 22 nadadores, e tamén tomará parte na Copa Galega Benxamín na piscina Javier Gómez Noya de Ferrol.